A finais de 1997 chegou ao mundo do PC o xogo Postal de Running With Scissors, rodeado dunha grande polémica por mor do seu elevado nivel de violencia, xa que conta a historia dun cidadán que tolea tras ter problemas co seu banco, o que o leva a emprendela a tiros con todo o que se lle pon por diante, e anticipándose ao lanzamento dunha expansión para a súa secuela, Postal 2: Paradise Lost, o vindeiro 17 de abril, dende o seu estudio quixeron levar o xogo orixinal a dispositivos móbiles, polo que trasladaron o título a Android, cunha consecuencia moi rechamante: Google Play rexeitou publicar o título por conter “violencia gratuíta”.
Dende Running With Scissors aseguran que isto non debería ser un problema, xa que buscarán outras plataformas para a comercialización do xogo, pero recoñecen a súa sorpresa ante a decisión de Google de non distribuír o seu xogo, xa que actualmente en Google Play están numerosos xogos de zombis, así como o polémico Carmageddon e varias entregas da franquía Grand Theft Auto, nos que tampouco falta a violencia gratuíta. O que está claro é que, aínda que a negativa de Google Play non supoña o veto do xogo en Android, si afectará seriamente ás súas vendas, xa que a tenda de aplicacións de Google é a máis popular para este sistema operativo con moita diferenza.
Google Play rexeita o xogo Postal pola súa “violencia gratuíta”
Compartir Este Artigo
