Sony Computer Entertainment (SCE) anunciou esta semana que o seu xogo Until Dawn chegará ás tendas españolas o vindeiro 26 de agosto, en exclusiva para PlayStation 4 (PS4). Como lembraremos, Until Dawn é unha achega de terror na que o usuario deberá meterse na pel de oito mozos na súa excursión ás montañas de Blackwood Pines e na súa estadía nunha cabana emprazada no miolo mesmo do bosque. Como é de agardar, a estadía non ten visos de rematar ben e, de feito, os excursionistas (chegado certo punto da aventura) descobren que non están sós. O anuncio da chegada deste xogo coincide co lanzamento dun novo tráiler no que se narra a historia que vivirán os personaxe Matt e Emily, protagonistas dun capítulo especial que se pode desbloquear coa reserva da edición dixital do xogo.
A trama do xogo, polo que respecta aos seareiros que lle tiren partido e o papel que deberán desempeñar, consiste basicamente en tomar decisións para que os personaxes non sucumban ante as ameazas. Segundo apunta Sony, estes dilemas a afrontar baséanse en innovadoras mecánicas de elección e unha interface “efecto bolboreta” onde teremos que seleccionar a senda da liña argumental entre milleiros de vieiros posibles. “Escoller entre distintas opcións é o principio fundamental de Until Dawn”, comentan os seus desenvolvedores, que engaden que mesmo elixir un determinado camiño ante os dilemas morais máis triviais pode supor un drástico cambio en cada historia única.
Por certo que estas decisións, para darlle aínda máis xogo e complexidade á historia, non só determinarán quen sobrevive (sobrevive ata o abrente) senón que tamén afectarán as relacións e reaccións entre os personaxes. “En base a esta dinámica”, engádese, “cada experiencia de xogo será única e con numerosos finais”.
Until Dawn está a ser desenvolvido, en exclusiva para PS4, polo estudo británico Supermassive Games, creadores doutros éxitos de PlayStation como Killzone e Wonderbook: Caminando entre dinosaurios.
Trailer do xogo
Sony anuncia que o xogo de terror Until Dawn chega o 26 de agosto
Compartir Este Artigo
