A partires do vindeiro luns, e durante todo o mes de xuño, os usuarios de pagamento de Xbox LIVE poderán facerse sen cargo adicional cunha nova selección de xogos para Xbox One e Xbox 360 como un interesante incentivo para facerse cunha subscrición Gold (precisa para poder xogar en liña).
A principal novidade sería o xogo Massive Chalice para Xbox One, un título desenvolvido por Double Fine Productions que ofrece unha experiencia táctica nun mundo de fantasía épica, e que sería a única novidade que recibirían os usuarios de Xbox One en xuño, xa que o outro título para tal consola incluído en Games with Gold sería Pool Nation FX, que xa leva 2 meses dentro desta promoción, dando a impresión de que Microsoft ten dificultades para atopar xogos que poidan axustarse a esta oferta (principalmente pola novidade da súa consola de nova xeración, que fai que a meirande parte dos xogos aínda teñan vida comercial).
Contrasta a oferta e xogos para Xbox 360, que é de grande calidade, podendo descargarse durante a primeira quincena de xuño o trepidante Just Cause 2 (valorado en 14,99 euros), mentres que durante a segunda metade do mes estará dispoñible o xogo en primeira persoal Thief (valorado en 29,99 euros).
Deste xeito normalízase a oferta de Games with Gold a 2 títulos por consola cada mes (inicialmente os usuarios de Xbox One só recibían 1 xogos para Xbox One, aínda que actualmente o segundo xogo trátase dun título repetido, polo que só sería relevante para novos usuario).
Microsoft anuncia os xogos que ofrecerá en xuño aos usuarios Gold
Compartir Este Artigo
