Microsoft anunciou hoxe os xogos que formarán parte da promoción Games with Gold cunha grande novidade para os usuarios de pagamento de Xbox LIVE que consiste en pasar oficialmente a integrar dous xogos novos cada mes para Xbox One.
O mes que vén será o segundo aniversario da promoción a través da que Microsoft ofrece sen custo adicional xogos aos subscritores de pagamento de Xbox LIVE, e como agradecemento decidiron ampliar o programa incluíndo a partires de agora 2 xogos para Xbox One e 2 xogos para Xbox 360, ou o que vén a ser o mesmo, un xogo novo para cada plataforma cada quincena.
Para comezar a nova estrutura de Games with Gold durante todo o mes de xullo será posible descargar o xogo Assassin’s Creed IV: Black Flag (valorado en 29,99 euros) sen custo adicional, o que é unha excelente oportunidade para introducirse na vertente pirata de Assassin’s Creed, que gustou especialmente polos impresionante combates en alta mar; entre o 16 de xullo e o 15 de agosto os usuarios Gold de Xbox One poderán descargar tamén o xogo So Many Me.
A oferta de xogos para Xbox 360 é bastante máis discreta, pero non carente de calidade, senón que inclúe dous xogos de grande sona, reservando para a primeira quincena de xullo o popular Plants vs. Zombies (valorado en 14,49 euros); e deixando para rematar o mes o Gears of Wars 3 (valorado en 19,99 euros), título especialmente relevante nun momento no que a franquía está a revitalizarse cunha remasterización para Xbox One da primeira entrega e o anuncio de Gears of War 4 para o Nadal do ano que vén.
Games with Gold dobra o número de xogos para Xbox One que ofrece cada mes
Compartir Este Artigo
