O valenciano Yanim Studio anuncia que mañá vai pór á venda a través da PlayStation Network a un prezo de 14,99 euros o seu xogo para PS4 Red Goddess: Inner World, que aseguran que é o primeiro xogo español para esta consola desenvolvido con Unreal Engine 4. Estamos ante un xogo de aventuras e acción, dentro do xénero coñecido como Metroidvania, na que o xogador adoptará o rol dunha deusa moza chamada Divine, que terá que explorar o seu propio mundo interior para lembrar o seu pasado e así recuperar os seus poderes perdidos.
Este xogo, que tamén contará con versión para PC, achega unha experiencia única, cunha historia chea de épica, misticismo e fantasía, cun estilo artístico moi característico e unha xogabilidade que busca atrapar ao xogador. Red Goddess desenvólvese nun mapa non lineal e salienta o backtracking, con novas habilidades para acceder a outras áreas e mecánicas de combate que procuran facer inesquecible a este título independente que está recomendado para xogadores de a partires de 12 anos.
Red Goddess foi posible grazas a unha campaña de micromecenado en Kickstarter a través da que 1.276 mecenas achegaron un total de 40.235 dólares, e que espertara bastante interese inicial, conseguindo chegar á metade do seu obxectivo en menos de 36 horas e superando os 30.000 dólares perseguidos a unhas dúas semanas do remate da súa campaña.
Vídeo de presentación do xogo de Yanim Studio
ACTUALIZACIÓN (30-6-2015): Sony anunciou que o xogo non sairá hoxe á venda en España, senón que teremos que agardar ao vindeiro 6 de xullo para poder adquirilo na PlayStation Network.
