Co gallo da Comic Con de San Diego Activision amosa a nova achega de Treyarch a Call of Duty: Black Ops III: Shadows of Evil, que será o modo cooperativo de supervivencia zombi que se incluirá o 6 de novembro, e que conta cunha narrativa incriblemente rica e profunda, cunha experiencia chea de acción e incluso coa participación e estrelas do cine e a televisión como Jeff Goldbrum, Heather Graham, Neal McDonough, Ron Perlman ou Robert Picardo.
Con Call of Duty: Black Ops III: Zombies – Shadows of Evil os xogadores introduciranse nun mundo recoñecible, ambientado na época do cine negro dos anos 40, presentando a catro involuntarios protagonistas (o mago, a femme fatale, o policía e o boxeador) que viven unha experiencia enganosa deseñada polo misterioso Shadow Man, da que temos un pequeno adianto no trailer de presentación desta nova historia de acción trepidante que non só aproveita o reclamo zombi, senón que vísteo cunha estética moi coidada.
Call of Duty: Black Ops III chegará ao mercado o vindeiro 6 de novembro para PS4, PS3, Xbox One, Xbox 360 e PC, e tamén estará dispoñible en atractivas edicións para coleccionistas. Por exemplo, a edición Juggemog do xogo inclúe un frigorífico funcional que recrea o dispensador de Juggernog Perk-a-Cola de Call of Duty Zombies, o pase de tempada e The Giant (un remake do mapa Der Rise). Outras edicións especiais coñecidas como Hardened e Digital Deluxe tamén incluirán o mapa zombi The Giant.
Trailer de presentación do novo modo zombi para Call of Duty: Black Ops 3
