Os xogos de skate profesional levan dende 2007 sen levantar cabeza, con distintas entregas que influenciadas polas modas dos sistemas de control de movemento levaron á irrelevancia á célebre franquía de Tony Hawk, que o vindeiro 2 de outubro vai volver a dar guerra cun retorno ás orixes, continuando a saga Pro Skater abandonada hai preto de 13 anos. Deste xeito Activision achegará Tony Hawk’s Pro Skater 5 a PS4 e Xbox One en outubro, para contar antes do remate do ano con versións para PS3 e Xbox 360, que non só funcionarán en máquinas menos potentes, senón que tamén carecerán de modo de xogo en liña.
O novo xogo retoma o estilo clásico da saga Pro Skater, con novos niveis, controis afinados e un grande modo multi-xogador nas consolas de nova xeración que permitirá xuntar ata 20 amigos e rivais para xogar simultaneamente en liña. Precisamente a grande promesa de Tony Hawk’s Pro Skater 5 é que permitirá facer practicamente todo o das súas versións anteriores, só que agora tamén en liña, incluíndo misións, desbloqueo de novo contido e subida de nivel. Os xogadores tamén poderán crear os seus propios parques e compartilos coa comunidade.
Para ir abrindo boca, o xogo estreou o seu primeiro trailer no que se ve o título en acción:
Tony Hawk’s Pro Skater 5 déixase ver en vídeo
Compartir Este Artigo
