Os cargadores solares para os trebellos electrónicos levan moito tempo no mercado, pero aínda que están lonxe da súa popularización, seguen a captar bastante atención, ou iso parece entenderse ao ver a magnífica acollida que está a ter unha campaña de micromecenado en Kickstarter para contribuír á produción de Solar Paper, o cargador solar que promete ser o máis lixeiro e delgado do mundo, que ao pouco de iniciar a súa campaña xa cuadriplicou a cantidade que perseguía xuntar para facer realidade o produto no mes de setembro.
O Solar Paper sería o cargador solar de 2,5, 5, 7,5 e 10 watts máis compacto do mercado, prometendo unha velocidade de entrega de corrente semellante á dun cargador de parede se o tempo acompaña, asegurando os seus responsables que conseguiría recargar un iPhone 6 en dúas horas e media durante un día soleado (en presenza de nubes levaríalle aproximadamente o dobre de tempo), aínda que as súas dimensións e peso serían os seus detalles máis salientables, xa que estamos ante un trebello de 19 x 9 x 1,1 centímetros e 120 gramos de peso, o que sería só o 13% de volume e un 26% do peso dun produto equivalente da competencia.
Esta solución está baseada en paneis que poden conectarse en paralelo, sendo cada panel de 2,5 watts, e podendo colocarse ata 4 á vez, de xeito que un único panel sería como un cargador USB básico, dous paneis servirían para cargar un smartphone baixo a luz do sol, con tres paneis xa teriamos un bo funcionamento os días nubrados se a nosa intención é cargar o noso teléfono e, finalmente, con catro paneis incluso sería posible empregar esta solución para cargar a batería dunha tableta.
Os prezos que actualmente figuran na campaña de micromecenado serían de 69, 99 e 139 dólares (62,81, 90,12 e 126,53 euros) para as versións de 5, 7,5 e 10 watts do Solar Paper, comezando a súa distribución o vindeiro 15 de setembro (aínda que as versións de 10 watts que se vendan a partires de agora non se enviarán aos mecenas ata outubro).
Solar Paper, o cargador solar máis lixeiro e delgado do mercado
Compartir Este Artigo

