O pasado mes de febreiro Facebook anunciou que ía permitir que tras o pasamento dun dos seus usuarios a súa conta pasase a converterse en conmemorativa, o que permitiría que os contidos publicados non se perdesen, á vez que se evitaría un uso efectivo da conta como a dun usuario activo (por exemplo, aos amigos non se lles informaría dos aniversarios de persoas falecidas), e para facilitar este mecanismo artellouse un protocolo que consiste na designación dun usuario de legado, unha persoa de confianza que tras o noso pasamento poida fixar unha publicación no perfil (por exemplo, para compartir unha mensaxe de despedida ou achegar información sobre as pombas fúnebres), responder a novas solicitudes de amizade e actualizar a fotografía de perfil e de portada, funcionalidade que por fin está dispoñible en Europa.
Este usuario tamén terá permiso para descargar unha copia de todo o compartido en Facebook, pero o que non poderá facer é entrar na conta do usuario, eliminar ou cambiar publicacións ou fotografías antigas, ler mensaxes que se intercambiaran con outros amigos ou eliminar amizades, ou sexa, que supón unha figura de administración do legado da persoa en Facebook, pero non a usurpación da súa identidade (mecanismo moito máis razoable que simplemente ceder o noso contrasinal a unha terceira persoa tras o noso pasamento).
Dende agora podemos ir a Axustes -> Seguridade en Facebook, e atoparemos un apartado de Contacto de legado/Legacy Contact onde podemos elixir ao amigo que exerza de testamenteiro virtual ou incluso decidir se queremos que a nosa conta se borre permanentemente de Facebook tras a nosa defunción.
Facebook xa permite elixir ao noso testamenteiro virtual en Europa
Compartir Este Artigo
