Gameloft estrea hoxe un xogo de Spider-Man para dispositivos con Windows Phone, que vén a ser un runner de acción, no que o Home Araña ten que esquivar obstáculos e loitar contra numerosos inimigos a través das rúas de Manhattan para rescatar a Mary Jane, moza do heroe que foi secuestrada polo Green Goblin, aínda que non será o único grande malvado ao que facer fronte, xa que tamén uniron forzas contra o trepamuros o Home de Area e Venom.
Spider-Man: Ultimate Power é un xogo que podemos descargar de balde nunha versión de proba moi limitada, que podemos desbloquear por 2,99 euros, e que como grande vantaxe tería que xa de lanzamento está adaptado para funcionar nos terminais máis básicos con Windows Phone. O xogo é bastante tradicional, con gráficos coloridos moi propios da banda deseñada, unha mecánica sinxela (saltar e golpear) e coa posibilidade de ir engadindo potenciadores e habilidades ao noso personaxe, que non se limitará á encarnación tradicional de Spider-Man, senón que incluso podemos contar con personaxes alternativos como o último Spider-Man do universo Ultimate (Miles Morales), o Spider-Man da Future Foundation ou a contrapartida porcina Spider-Ham.
Novo xogo de Spider-Man para Windows Phone
Compartir Este Artigo
