Espérase que o ano 2016 sexa o da emerxencia das solucións de realidade virtual para o mercado de consumo, entre as que pretende destacar o proxecto Morpheus de Sony, por precisar para funcionar unha simple PlayStation 4 e non un ordenador de grande potencial como acontecerá coas prometedoras Oculus Rift, e agora que se achega a fase comercial do produto e aproveitando a celebración do Tokyo Game Show, Sony anuncia finalmente que o seu produto vai levar por nome PlayStation VR, o que describe bastante ben o que se pretende co mesmo: achegar ao usuario á Realidade Virtual (VR).
Dende Sony aseguran que o seu produto persegue que os xogadores poidan “sentirse como se estivesen fisicamente dentro do mundo virtual dun xogo” e confirman que están a traballar en mellorar o hardware en varios aspectos á vez que están a colaborar tanto cos seus estudios de desenvolvemento como con editores third party para que o novo dispositivo poida chegar ao mercado acompañado por numeroso software que tire proveito desta tecnoloxía que ten aínda moito que mellorar (xa que o realismo da experiencia depende moito da potencia do hardware, que é un factor en constante evolución, polo que en poucos anos veremos como a realidade virtual poderá converterse nunha experiencia moito máis inmersiva). Vídeo promocional de PlayStation VR
O proxecto Morpheus chegará ao mercado como PlayStation VR
Compartir Este Artigo
