Para esta campaña de Nadal dende Microsoft confían que a exclusiva temporal de Rise of the Tomb Raider para as súas consolas supoña un importante pulo ás vendas da Xbox One, e precisamente por iso confirman que entre os moitos lotes de consola + xogo que estarán dispoñibles nos vindeiros meses haberá un lote co último xogo de Lara Croft.
O novo lote estará composto por unha consola Xbox One cun disco duro de 1 TB, o xogo Rise of the Tomb Raider en formato descargable, o contido descargable exclusivo Tactical Survival Kit e, para enriquecer o conxunto, Tomb Raider: Definitive Edition, o remake do xogo que recuperou a saga en 2013 (e que durante estes días está a ofrecerse sen cargo adicional aos subscritores de Xbox LIVE Gold). Sairá á venda en novembro a un prezo que nos EE.UU. será de 399 dólares (na liña do que acontece cos lotes que inclúen xogos como FIFA 16 ou Halo Master Chief Collection), descoñecéndose polo momento o prezo europeo (lembremos que no noso territorio a Xbox One de 1 TB ten un prezo oficial de 449,99 euros, pero actualmente pode mercarse co xogo FIFA 16 por 399 euros, o que sería un prezo moi atractivo para o novo bundle).
O novo xogo de Tomb Raider poderase mercar en conxunto cunha Xbox One de 1 TB
Compartir Este Artigo
