Os subscritores Gold de Xbox LIVE van gozar dun bo mes de decembro, xa que Microsoft vai actualizar o software de sistema da Xbox One engadíndolle retrocompatibilidade de xogos de Xbox 360, de xeito que na nova consola poderanse gozar os 4 xogos que se poñen a disposición mensualmente sen cargo adicional, polo que os 2 títulos para Xbox 360 tamén poderán executarse na Xbox One (de feito, Microsoft comprometeuse a que todos os xogos de Xbox 360 do programa Juegos con Gold serán compatibles con Xbox One).
Os xogos do mes de novembro serán a aventura Pneuma: Breath of Life (valorada en 19,99 euros) e Knight Squad (valorado en 14,99 euros) para Xbox One, e o xogo de motor DiRT 3 (valorado en 24,99 euros) e o xogo de acción e aventura Dungeon Siege III (valorado en 19,99 euros) para Xbox 360. Os xogos estarán dispoñibles en distintas fiestras de tempo, podendo adquirirse de balde DiRT 3 na primeira quincena de novembro, Dungeon Siegue III durante a segunda quincena, Pneuma: Breath of Life durante todo o mes e Knight Squad entre o 16 de novembro e o 15 de decembro.
Recompensas pola compra dos xogos exclusivos para Xbox One
Adicionalmente Microsoft tamén está a reforzar o seu programa de recompensas Xbox Live Rewards, que achegará entre 3.000 e 6.000 créditos para quen compre dixitalmente algúns dos xogos estrela da campaña de Nadal (Rare Replay, Gears of War: Ultimate Edition, Forza Motorsport 6, Halo 5 Guardians e Rise of the Tomb Raider) cun engadido moi especial: os que se fagan cos 5 xogos recibirán 35.000 créditos adicionais, de xeito que xuntarían 60.000 créditos (equivalentes a 60 euros na tenda en liña de Xbox). Para poder beneficiarse desta promoción hai que mercar o xogos entre o pasado 16 de xuño e o 7 de xaneiro (ou sexa, que a recepción de créditos polos xogos indicados será retroactiva, para evitar prexudicar aos usuarios que xa mercasen os títulos da promoción nos últimos meses).
