Sony vén de divulgar a relación de xogos que recibirán nas súas consolas os subscritores de PlayStation Plus durante o mes de decembro, e como vén a ser norma na proximidade do verán ou do Nadal, desta volta a compañía nipoa aposta forte e, en vez de incluír unha chea de títulos independentes pouco coñecidos, inclúe algún xogo bastante atractivo, como é o caso de Gauntlet: Slayer Edition para PlayStation 4, que é a recuperación dun clásico das máquinas recreativas na que un guerreiro, unha valquiria, un mago e un elfo teñen que percorrer alxubes na procura de segredos e tesouros á vez que derrotan a numerosos monstros. Este título está valorado en 19,99 euros.
O outro xogo para PlayStation 4 que poderán descargar os subscritores de PlayStation Plus sen custo adicional é King’s Quest: Chapter 1: A Knight to Remember, que casualmente é tamén a revisión dunha vella franquía, e que está valorado en 9,99 euros.
Os usuarios de PlayStation 3 reciben posiblemente os xogos máis notables, xa que serían o xogo de acción en primeira persoa Far Cry 3: Blood Dragon (valorado en 14,99 euros) e o título deportivo SSX (valorado en 19,99 euros); mentres que os xogadores cunha PS Vita poderán facerse con Rocketbirds: Hardboiled Chicken (valorado en 7,99 euros) e Freedom Wars (valorado en 24,99 euros).
Sony reforza o catálogo de xogos incluídos en PlayStation Plus de cara ao Nadal
Compartir Este Artigo
