Telltale Games, estudio responsable de grandes aventuras gráficas como The Walking Dead, The Wolf Among Us ou Back To The Future: The Game, anunciou que está a traballar con Warner Bros. Interactive e DC Entertainment para que durante 2016 poidamos gozar dun xogo episódico baseado en Batman, do que polo momento non dan máis detalles, aínda que confirman que estaría dispoñible para consolas de videoxogos, ordenadores persoais e dispositivos móbiles.
O director xeral de Telltale Games, Kevin Bruner, asegura estar orgulloso de poder “achegar a nosa aproximación única á narración interactiva a unha das franquías máis grandes do lecer mundial”. Detalla que o novo xogo permitirá afondar na complexa vida e mente de Bruce Wayne, a dualidade da súa propia identidade e a responsabilidade de salvar a cidade de Gotham da corrupción e a maldade.
A franquía de Batman vén de gozar de grande éxito coa concluída saga Batman Arkham, polo que o feito de que Telltale Games sexa agora quen tome o relevo de Rocksteady Studios é toda unha garantía de que o Gardián de Gotham manterá un bo nivel nas súas versións electrónicas.
Vídeo co que anuncian o futuro xogo episódico de Batman
