A iniciativa solidaria Humble Bundle conta estes días cun dos seus lotes de xogos máis completos e atractivos para os nostálxicos das máquinas recreativas dos anos 90, xa que recolle numerosos xogos de SNK para a xa mítica Neo-Geo, plataforma que este ano celebra o seu 25 aniversario. Como curiosidade, a propia páxina web de Humble Bundle permite gozar de demostracións de 19 dos xogos ofertados directamente no navegador web (de xeito que podemos xogar un par de minutos para lembrar os vellos tempos e axudarnos a decidir se contribuiremos a esta campaña).
A entidade á que apoiará esta campaña de Humble Bundle será a Cruz Vermella (aínda que tamén permite elixir entre outras ONG coas que Humble Bundle colabora), e os usuarios que acheguen cartos poderán recibir xogos nas súas versións para Windows, OS X e Linux, de xeito que todos os contribuíntes (por pouco que paguen) poderán facerse con Art of Fighting 2, Fatal Fury Special, King of the Monsters, Metal Slug 2, Samurai Shodown II, Sengoku 3, The King of Fighter 2000 e Baseball Stars 2; os que paguen máis da media (9,49 dólares no momento de escribir estas liñas) recibirán adicionalmente The Last Blade, Pulstar, Metal Slug, Metal Slug 3, Shock Tropers, Neo Turf Masters, The King of Fighters ’98 Ultimate Match Final Edition, Twinkle Star Sprites e a banda sonora Neo Geo 25th Anniversary.
As persoas que paguen a partires de 10 dólares (que parece ser o habitual neste bundle) recibirán tamén Shock Troopers: 2nd Squad, Samurai Shodown V Special, Garou: Mark of the Wolves, Metal Slug X e The King of Fighters 2002 Unlimited Match, existindo tamén un último chanzo de achegas, que parte de 40 dólares, e que incluiría unha camiseta para celebrar o XXV aniversario da Neo-Geo.
Como curiosidade, aparte de poder realizar a descarga dos xogos sen DRM (agás un par de entregas de The King of Fighters que adquírense a través de Steam) tamén será posible gozar dos xogos dende a nosa colección de xogos na web de Humble Bundle, onde está dispoñibles os xogos (sen a limitación de 2 minutos antes mencionada) para os navegadores Google Chrome e Firefox.
Humble Bundle celebra os 25 anos da Neo-Geo cun completo lote de xogos de recreativa
Compartir Este Artigo
