Esta semana chegou un interesante título a Steam baixo a modalidade de acceso anticipado, ou sexa, que os compradores poden facerse con Force of Elements antes de que remate o seu desenvolvemento, podendo gozar do seu estado actual e así poder contribuír con feedback a que o xogo progrese adecuadamente, prevéndose que esta beta dure uns seis meses.
Estamos ante un xogo que, aínda que teña a aparencia dun MOBA ou outro tipo de xogos competitivos en liña con guerreiros e criaturas de corte fantástico, agocha un xogo de conecta 3, de xeito que os competidores terán que mover xemas dun taboleiro facendo desaparecer estes elementos de xuntarse tres iguais, podendo intercambiar as xemas por elementos que permite atacar ao outro xogador.
Poderiamos dicir que case temos unha fusión entre DOTA e Candy Crush, esperándose que a mestura calle nos xogadores e, de feito, aparte da versión para PC, o estudo responsable, Wicked Fun, tamén está a preparar versión para Android e iOS, polo que poderiamos estar ante un grande éxito na liña de HearthStone: Heroes of Warcraft, aínda que coa distancia que supón non partir dunha franquía consolidada como a de Blizzard.
Este xogo anticipado véndese actualmente a 7,99 euros, pasando a custar 9,99 euros o vindeiro 5 de xaneiro, descoñecéndose polo momento o prezo que terá o título definitivo cando remate a súa beta.
Steam estrea a beta de Force of Elements
Compartir Este Artigo
