Pasado o Nadal parece que tanto Sony coma Microsoft levantan lixeiramente o pé do acelerador á hora de nutrir o seu catálogo de xogos para os usuarios das súas plataformas de xogos en liña, polo que podemos ver na listaxe de xogos que cada compañía achegará sen custo adicional aos seus subscritores.
Por unha banda Microsoft dá conta de que durante todo o mes de febreiro os usuarios de Xbox One poderán facerse con Hand of Fate, curiosa mestura entre xogo de rol e roguelike con mazos de naipes (á venda habitualmente por 19,99 euros), mentres que a partires do 16 de febreiro terán o xogo de infiltración e acción Styx: Master of Shadows (valorado en 29,99 euros). Os xogo para Xbox 360, que grazas á retrocompatibilidade tamén poden xogarse en Xbox One, serán Sacred Citadel durante a primeira quincena de febreiro, e Gears of War 2 durante a segunda metade do mes.
Os subscritores de PlayStation Plus tampouco teñen grandes sorpresas, aínda que os xogos que chegarán sen custo adicional son bastante interesantes, xa que serían o xogo de loita Persona 4 Arena Ultimax (valorado en 49,99 euros) e GRID Autosport (valorado en 24,99 euros). A consola que tería que conformarse con títulos un tanto mediocres sería a PS4, con Helldivers (valorado en 19,99 euros, que como grande vantaxe ten que tamén pode xogarse en PS3 e PS Vita) e Nom Nom Galaxy (valorado en 13,99 euros).
Completan a oferta do mes de febreiro os xogos Lemmings Touch para PS Vita (actualmente á venda por 2,99 euros) e Nova-111 (xogo independente de PS Vita, que tamén pode xogarse en PS3 e PS4, e que está valorado en 14,99 euros).
