Para celebrar os 20 anos da franquía Pokémon, Nintendo emitiu hoxe un especial Pokémon Direct, no que Tsunekazu Ishihara, director executivo e presidente de The Pokémon Company, achegou novas da súa firma dende a súa sede en Tokio, comezando cun recordatorio: mañá a eShop da Nintendo 3DS permitirá descargar os xogos orixinais de Pokémon (Edición Roja e Edición Verde) coincidindo co 20 aniversario do seu lanzamento no Xapón. Tamén estará dispoñible Pokémon Edición Amarilla: Edición Especial Pikachu. Este xogos permitirannos explorar a rexión de Kanto e revivir a emoción dos primeiros xogos da franquía, conservando tanto a aparencia como o modo de xogar orixinais, aínda que incorporando melloras como a compatibilidade co Banco de Pokémon. Os combates e os intercambios entre os tres xogos tamén gozarán dun grande avance: poderán realizarse sen fíos, sen ter que usar o Cable Link.
Tras este toque de nostalxia Ishihara amosou o tráiler de presentación dos xogos Pokémon Sol e Pokémon Luna, que chegará á Nintendo 3DS a finais do presente ano e estrearán un mundo novo, moitos máis Pokémon e novas aventuras, podendo tamén empregar o Banco de Pokémon para transferir os Pokémon atrapados nas versións anteriores da saga.
Un detalle no que destacan os novos xogos de Pokémon é que chegarán directamente traducidos a 9 idiomas (entre os que figura o español) de xeito que non haberá que agardar entre o lanzamento xaponés e o do resto do mundo, á vez que se facilita a introdución á saga dos xogadores chineses (xa que o chinés tradicional e o simplificado son as dúas linguas que integra este xogo como novidade), deixando claro que Nintendo quere evitar que o idioma sexa unha barreira para gozar dos Pokémon.
Tráiler dos novos xogos de Pokémon que chegarán a finais de ano
