Ghost In The Shell: Stand Alone Complex – First Assault Online é un xogo de acción masivo en liña ambientado no universo creado por Masamune Shirow que o ano que vén contará con adaptación cinematográfica protagonizada por Scarlett Johansson, que actualmente está dispoñible en Steam mediante acceso anticipado (ou sexa, que aínda está en desenvolvemento) e que busca darse a coñecer esta fin de semana na que ofrecerase de balde para todos os xogadores de Steam, permitindo así que dende hoxe e ata o domingo sexa posible meterse na pel dun membro da Sección 9, unha forza de elite mellorada ciberneticamente que ten que protexer á sociedade xaponesa de ataques terroristas. Nas mesmas datas tamén será posible facerse con varias opcións de acceso anticipado ao xogo a metade de prezo (de xeito que poderemos facernos con este título por dende 2,49 euros).
O xogo preséntanos un mundo no que as persoas poden gozar de melloras cibernéticas para conseguir habilidades únicas, como camuflaxe termo-óptico ou visión de infravermellos; a experiencia de xogo de acción de disparos conta cunha tecnoloxía de combate intelixente con tácticas avanzadas; e os distintos enfrontamentos contra forzas ciber-terroristas terán lugar no curioso mundo distópico inspirado na serie de anime de Ghost In The Shell (baseada nun manga do mesmo nome).
Tráiler do acceso anticipado a este xogo
