Hai poucas semanas Disney Interactive anunciou ampliacións do xogo Disney Infinity 3.0 co Play Set Marvel Battlegrounds (que inclúe un modo de xogo de loita para 4 xogadores e personaxes como o Capitán América, Ant-Man e Black Panther incluídos de serie e Hulkbuster, Ultrón e o Spider-Man co traxe negro á venda por separado) e personaxes como Boba Fett e Kylo Ren (de Star Wars) ou Baloo (do Libro da Selva), aos que está previsto que sigan novos personaxes de Alicia a través do espello e Buscando a Dory; pero o que parecía un camiño de rosas no mercado dos videoxogos asociados a figuras coleccionables, parecen ter atopado unha pedra no camiño, e pese aos moitos progresos desta franquía a Disney decidiu botarlle o peche, polo que tras o verán non lanzarán novos produtos desta liña.
Ao parecer, a compañía non estaba disposta a continuar con Disney Infinity ante o risco que supón un produto deste tipo, no que non só hai que desenvolver videoxogos e ampliar constantemente os seus contidos, senón que tamén hai que producir figuras físicas das que non se pode coñecer previamente a súa demanda. Pero non só deixarían de lado os videoxogos baseados en figuras coleccionables, senón que fan o mesmo con videoxogos de consola en xeral, por considerar que é un negocio demasiado dinámico, e prefiren investir en ámbitos máis estables.
O estudio Avalanche Software, responsable de Disney Infinity, botará definitivamente o peche, o que supón prescindir duns 300 postos de traballo. Pese a ser unha dura decisión, parece que o pulo inicial de Disney Infinity non era sustentable, e no último trimestre tal división rexistrou unhas perdas de 147 millóns de dólares, provocada principalmente polo “custo dos produtos” en inventario.
Disney abandona a produción de videoxogos para consolas
Compartir Este Artigo
