Nos últimos meses xurdiron rumores dunha PlayStation 4 de ultra alta definición alcumada Neo que non fragmentaría o mercado, senón que simplemente ofrecería maior calidade gráfica nos xogos de nova xeración (que continuarían a funcionar nas PS4 normais) e que tería potencia dabondo para as esixencias actuais do mercado sen ter que iniciar unha nova xeración de consolas, e agora, o propio Andrew House, director executivo de Sony, nunha entrevista para o Financial Times recoñeceu que a nova consola será unha realidade, mantendo os dous modelos de consola á venda simultaneamente.
Os comentarios chegan máis aló, e confírmase que na feira E3 que bota a andar o domingo non se presentará esta nova consola, nin tampouco adiantan o prezo que terá, aínda que si aseguran que será máis cara que a PS4 actual. Estes comentarios tamén reavivan os rumores sobre Microsoft, e a súa Xbox One, que tamén podería seguir a mesma estratexia, presentando un modelo Scorpio máis adiante, e que sería bastante máis potente que a Xbox One actual e incluso que a PS4 Neo, apuntando a que deste xeito procuraríase que a consola puidese ser capaz de funcionar cos cascos de realidade virtual Oculus Rift, de xeito que a aposta pola realidade virtual de Microsoft sería máis ampla que a de Sony con PlayStation VR, avanzando na dirección de casar a Xbox One con Windows 10 en máis dun aspecto. De todos os xeitos fálase de que ese ano non se saberían máis detalles sobre esta máquina, e parece razoable, xa que é máis probable que antes lancen un redeseño da Xbox One (por exemplo, cun tamaño máis compacto) e tampouco resultaría intelixente anunciar con moitos meses de antelación unha consola mellor, xa que podería frear as vendas do modelo actual.
Confirman que Sony lanzará unha PS4 de ultra alta definición
Compartir Este Artigo
