Nintendo está nun ano de transición, xa que está a agardar ao lanzamento dunha nova consola de videoxogos doméstica que probablemente presentarase en sociedade no mes de setembro co gallo do Tokyo Game Show, polo que a compañía nipoa tomou a decisión de aparecer na feira E3 cun único xogo, The Legend of Zelda: Breath of the Wild, o que podería parecer unha proposta moi deficiente, pero que aos seareiros da compañía parece terlles chegado, xa que non son poucos os que consideran que este xogo é do máis interesante que se ve na feira de Los Ángeles.
O novo xogo, que aparte de para a futura consola doméstica de Nintendo tamén terá versión para Wii U, racha moldes, e presenta un mundo vibrante, inmenso e vital, que achegará unha grande experiencia de exploración de Hyrule, de xeito que os xogadores non terán que tomar unha ruta determinada, aínda que si haberá que familiarizarse co contorno para poder atopar armas ou apropiarse coas que deixan atrás os inimigos que Link vai derrotando.
Entre os cambios que veremos neste xogo destaca que moitos dos inimigos menores xa non están espallados ao chou polo mundo, senón que moitos viven en colonias. Link tamén pode escalar torres e grandes estruturas para orientarse sobre o terreo, pode culminar montañas escalando, desprazarse facendo parapente cara a zonas baixas e incluso empregar o escudo a xeito de zorra para descender por unha ladeira. As condicións meteorolóxicas tamén faranse notar nesta nova aventura, afectando á supervivencia (a chuvia pode apagar unha fogueira ou as armas metálicas do protagonista poden atraer lóstregos).
The Legend of Zelda: Breath of the Wild conta con máis de 100 santuarios por descubrir, numerosos quebracabezas que poden resolverse de distinto xeito, numerosas trampas e enigmas que ir atopando polo camiño e, en definitiva, un inmenso mundo que explorar, convertendo na experiencia de descubrimento nunha das grandes fontes de diversión deste xogo que tamén será compatible con amiibo e, de feito, incluso contará cunha serie de figuras amiibo específicas para o xogo coma un Link con arco, outro a cabalo e un gardián (que será o primeiro amiibo con partes flexibles). O amiibo Link Lobo (xa existente) tamén será compatible co xogo (axudando aos xogadores a cazar).
Tráiler do xogo
Vídeo no que amosan en detalle as figuras amiibo específicas do xogo
