Tras completarse a saga de xogos do Profesor Layton, dende Level-5 queren espremer a franquía con novos títulos que conserven a esencia orixinal pero que conten con novos personaxes, e así anuncian Lady Layton: The Conspiracy of King Millionaire Ariadne, un xogo que non só sairá para Nintendo 3DS, senón que tamén contará con versións para iOS e Android e chegará ao mercado nipón a vindeira primavera, descoñecéndose os plans de comercialización internacional do xogo.
A nova historia estaría protagonizada por Catriel Layton, filla do profesor Hershel Layton, e que tamén sería unha detective disposta a resolver os estraños incidentes que acontece na cidade de Londres, que van dende atopar a unha mascota perdida ata resolver un asasinato, para o que haberá que enfrontarse a pequenos quebracabezas.
Dado que Catriel aínda é unha novata, non vai acompañada por un aprendiz, senón por un can que fala, Sharo, e que servirá de axuda aos seus razoamentos.
Tráiler do futuro xogo de Lady Layton
