A través da aplicación móbil Fever convocouse para onte pola tarde unha quedada para xogar a Pokémon GO na Porta do Sol de Madrid para intentar marcar un Record Guinness de número de persoas xogando simultaneamente a tal xogo, marcándose como obxectivo chegar aos 5.000 asistentes, aínda que finalmente parece que a concentración quedou nuns tres mil adestradores Pokémon, o que asegurarían a marca de dúas mil persoas rexistrada recentemente en Sidney (aínda que todas estas cantidades habería que collelas con pinzas, porque os medios de comunicación veñen dando conta de concentracións, tanto organizadas como esporádicas, moito máis numerosas noutras cidades do mundo).
Ao parecer, a organización tiña previsto organizar a PokeQuedada no Parque do Retiro, pero para evitar o impacto medioambiental no contorno da numerosa concentración optaron por trasladar o evento a Sol, decisión moi criticada, por ser unha localización con poucos Pokémon dispoñibles para cazar, de aí que centos de asistentes rebeldes optasen por acudir á localización orixinal, o que podería ter afectado a que non se cumprise o obxectivo fixado para este encontro multitudinario.
ACTUALIZACIÓN: Parece que as estimacións de número de asistentes á PokéQuedada máis prudentes foron as máis atinadas, e xa podemos consultar máis opinións de asistentes que dan unha visión bastante clara do que alí aconteceu, asegurando que as previsións baseadas na convocatoria en Facebook foron demasiado optimistas, e dificilmente se chegou aos 3.200 asistentes confirmados na rede social de Mark Zuckerberg, estimándose que os presentes non chegaban aos dous mil, e o encontro que debería de ter durado un par de horas disolveuse en poucos minutos, quedando máis como unha anécdota que como unha quedada real, confirmando que a localización do evento era desastrosa, sendo o Retiro un enclave moito máis axeitado para a captura de Pokémon.
Milleiros de persoas xuntáronse en Madrid para unha PokeQuedada
Compartir Este Artigo
