Ubisoft sorprende esta semana achegando a consolas de videoxogos clásicos xogos de mesa en versións moi atractivas visualmente, como serían o Risk e o Afundir a Frota, que tantas horas fixeron pasar a moitas no seu formato tradicional, e que xa tiveron moitos achegamentos electrónicos no pasado, pero nunca cun acabado tan detallado.
O xogo que chamaría máis a atención sería Risk: Urban Assault, que por 14,99 euros podermos adquirir para Xbox One e PlayStation 4, que permite pór en marcha un exército para facerse con algunhas das cidades máis famosas do planeta nun mundo postapocalíptico. O xogo ten certa complexidade, permitindo usar a diplomacia, construír instalacións ou aproveitar as habilidades especiais dos comandantes para establecer o control sobre as cidades obxectivo deste xogo de estratexia que mantén a esencia do xogo de taboleiro.
Pola súa banda, o xogo de Afundir a Frota só está dispoñible polo momento para Xbox One a un prezo de 14,99 euros, presentando un taboleiro moderno en tres dimensións, dinámico e interactivo, mantendo tamén a esencia do xogo orixinal no seu modo de xogo clásico, pero ofrecendo tamén un modo chamado conflito no mar no que haberá que desenvolver as nosas habilidades tácticas. Permite enfrontarnos contra a máquina ou xogar cun amigo localmente ou en liña.
Un par de xogos de mesa chegan ás consolas de nova xeración
Compartir Este Artigo
