A vindeira fin de semana, e para despedir o verán dun xeito agradable, a asociación Movemento Xove organiza na cafetaría e libraría Tardis unha Nintendo Weekend con torneos, xogo libre e proxeccións, podendo os participantes optar a facerse con algúns premios que enriquecerán estas xornadas lúdicas.
Para comezar esta fin de semana nintendeira o venres a partires das 17:30 horas estarán dispoñibles consolas Gamecube, Wii, Wii U e Nintendo 64 para o xogo libre, mentres que ás 18:00 horas botará a andar un torneo do xogo Mario Kart 8, completándose a xornada cunha proxección especial ás 22:30 horas.
O freeplay de consolas Gamecube, Wii, Wii U e Nintendo 64 do sábado comezará ás 18:30 horas, mentres que ás 19:00 horas buscarase animar aos asistentes a completar a súa colección de criaturas de Pokémon GO, xa que na poképarada de Tardis porán cebos un tras outro para que sexa doado capturar Pokémon durante as seguintes horas. O peche das actividades recaerá nun torneo de Wii Party U, que anúnciase como o torneo máis inxusto da historia, no que o presentador e o dinamizador da actividade estarán contra os xogadores, que poderán ver recompensada a súa participación con premios e diversión.
Unha Nintendo Weekend busca despedir o verán na Coruña
Compartir Este Artigo
