Durante a fin de semana celebrouse unha nova edición da PlayStation Experience (PSX 2016), un evento organizado por Sony dende o que celebrar a boa saúde da súa plataforma de videoxogos e adiantar novidades para crear expectación e que os consumidores aposten pola PS4 como consola na campaña de Nadal, e un dos pratos fortes deste ano foi, sen dúbida, o estudio Naughty Dog, que aproveitou a cita para confirmar que está a preparar The Last of Us Part II, ou sexa, a secuela do xogo que está considerado como o mellor da pasada xeración de consolas de videoxogos.
Polo momento o tráiler promocional simplemente confirma que a nova historia continuará anos despois de The Last of Us, con Joel e Ellie volvendo á acción pese a que entendíase que a trama non daba moito espazo a continuacións. Cómpre comentar que este novo xogo aínda está nunha fase inicial, polo que falta moito para que vexa a luz, esperándose que nos vindeiros meses vaian dando detalles sobre esta ambiciosa produción que terá como principal dificultade estar a altura dunha obra maxistral.
Uncharted 4: The Lost Legacy
Pero non é a única secuela que preparan dende Naughty Dog, pois a franquía de Nathan Drake manterase viva pese a rematarse a historia do personaxe principal en Uncharted 4, de xeito que entenderon que o xeito de poder seguir a explotar a marca era explorando aos seus personaxes secundarios, de xeito que durante a PSX 2016 desvelaron que Chloe Frazer, a ladroa que debutaba en Uncharted 2, tería un xogo de seu: Uncharted: The Lost Legacy.
Desta volta, como falamos dun xogo que xa leva tempo en desenvolvemento, o anuncio de Naughty Dog non se limitou a un vídeo xenérico, senón que presentaron 9 minutos de xogo no que podemos ver a Chloe percorrendo unha inmensa cidade en guerra ata atoparse coa súa socia Nadine Ross (personaxe ao que vimos por primeira vez en Uncharted 4) nun tellado. Esta parella feminina será a que encabezará a nova aventura de caza de tesouros, percorrendo montañas ao oeste da India para recuperar o Cairo perdido de Ganesh.
Pero aínda que esteamos ante un spin-off, este xogo está considerado unha expansión de Uncharted 4, polo que os compradores da edición de luxo do xogo ou do seu Pack Explorador poderán gozar de balde de The Lost Legacy, que tamén poderá mercarse como xogo independente en tendas físicas e como descarga dixital.
