Dende Capcom parecen querer aproveitar o lanzamento do primeiro videoxogos de Nintendo para smartphones para levar a dispositivos móbiles unha das súas grandes franquías, Mega Man (coñecido como Rockman no Xapón), que o vindeiro 6 de xaneiro estreará versión para iOS e para Android, conservando a súa aparencia de xogo de 8 bits, descoñecéndose polo momento se poderemos gozar desta reedición en Europa na mesma data na que sae no Xapón ou teremos que agardar a un lanzamento internacional deste clásico.
O retorno deste xogo de 1987 para a primeira consola doméstica de Nintendo manterá o seu elevado nivel de dificultade e os seus gráficos orixinais, presentando una imaxe en 4:3, de xeito que o espazo sobrante da pantalla do smartphone aproveitarase para amosar controis virtuais cos que procurar imitar o manexo do xogo orixinal.
Na liña de Super Mario Run poderase descargar de balde, para probar algúns dos seus niveis, de xeito que para desbloquear o xogo completo será preciso realizar unha compra dentro da aplicación.
ACTUALIZACIÓN
(20-12-2016): Capcom confirma que en xaneiro, e a nivel mundial, estarán
dispoñibles os 6 primeiros xogos de Mega Man para iOS e Android, abrindo unha
páxina web para que os interesados
poidan inscribirse para recibir unha notificación cando os xogos estean
dispoñibles.
