Os usuarios de consolas Xbox van ter a partires do vindeiro xoves o que prometen que será o meirande período de ofertas da historia da tenda dixital de Xbox, no que vén a ser unha especie de conta atrás para o remate do ano, pero que espallarase ata o 9 de xaneiro, e ofrecerá grandes descontos en xogos e outros produtos dixitais entre os que destaca o feito de que será posible contratar 1 mes de Xbox LIVE Gold por só 1 dólar (o prezo europeo non está confirmado, pero entendemos que será de 1 euro), ofrecendo así non só a posibilidade de gozar de xogos en liña, senón tamén acceder aos Xogos con Gold (títulos que sen prezo adicional se engaden á biblioteca dos subscritores cada mes) e tamén poder gozar de descontos adicionais ás ofertas dos vindeiros días.
Dende Microsoft destacan que entre os xogos de Xbox One e Xbox 360 que porán de oferta na súa conta atrás para fin de ano estarán incluídos xogos como Final Fantasy XV, Battlefield 1, Watch Dogs 2 e moitos outros títulos de primeira liña, o que poderán aproveitar moitos xogadores para poder tirar proveito das vacacións de Nadal ou para poder enriquecer o catálogo para a consola recibida tras a Noiteboa.
Vídeo promocional nas novas rebaixas de Xbox
