Aínda faltan máis de tres semanas para que Nintendo anuncie oficialmente as especificacións da súa nova consola, a Nintendo Switch, pero dende Digital Foundry e Eurogamer atrévense a detallar moitos dos detalles do hardware da futura consola grazas a informacións de distintas fontes, que parecen confirmar algo que viña sospeitándose dende hai tempo: a consola poderá funcionar a pleno rendemento conectada ao televisor, pero en mobilidade reducirá a potencia da súa gráfica para reducir o seu consumo.
Ao parecer, a Nintendo Switch contaría cunha pantalla multi-táctil IPS de 6,2 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento, arquitectura nVIDIA Maxwell de segunda xeración, USB 2.0/3.0 e saída de vídeo a 1.080p a 60 fotogramas por segundo ou a 4K a 30 imaxes por segundo.
Pero o máis importante desta nova consola baseada en tecnoloxía nVIDIA Tegra sería que aínda que a súa CPU funcionase sempre a 1.020 MHz, a súa GPU iría a 307,2 MHz en mobilidade e ata 768 MHz conectada á súa base, o que lembra ao que acontece coa PlayStation 4 na actualidade (ou sexa, que tería un código para a consola básica e outro para un modo de funcionamento Pro).
Pese a estarmos ante unha consola de grande eficiencia enerxética, sería sobradamente máis potente que unha Wii U, o que non se di en base as especificacións (xa que falamos de tecnoloxías complicadas de comparar) senón en función das demostracións que están a facerse coa consola (o xogo de Zelda que puido verse no programa televisivo de Jimmy Fallon corría dun xeito moito máis fluído que a súa versión para Wii U).
Adiantan detalles sobre as especificacións da Nintendo Switch
Compartir Este Artigo
