Rematou a espera para os seareiros dos videoxogos de terror e supervivencia, xa que Resident Evil 7: Biohazard xa está á venda para PlayStation 4, Xbox One e PC, destacando a versión para PS4 por incluír a posibilidade de enfrontarse a este xogo en primeira persoa empregando o casco de realidade virtual de PlayStation VR (conseguindo unhas sensacións máis inmersivas e arrepiantes) mentres que en Xbox One o xogo pode presumir do selo Xbox Play Anywhere, de xeito que quen merque en dixital este título para a consola de Microsoft poderá xogalo tamén nun ordenador con Windows 10 sen custo adicional (e incluso podendo continuar as partidas de xeito indistinto entre ambas plataformas).
Este xogo de Capcom supón a volta ao terror que caracterizaba as primeiras entregas da serie, que foxe así da acción frenética e das mecánicas de shooter en terceira persoa, conseguindo o sopro de aire fresco que a franquía precisaba despois do desastre que supuxo Resident Evil 6, xogo que, pese a ser moi ambicioso, non conseguiu convencer ao público.
Esta última entrega de Resident Evil colócanos no rol dunha persoa normal, Ethan Winters, nunah casa abandonada nunha plantación de Dulvey (Luisiana) na procura da súa esposa desaparecida, descubrindo os segredos da vella casa dos Baker, unha mansión que parece estar a caer en anacos e ao redor da que houbo numerosas desaparicións.
Tras o lanzamento o xogo continuará a recibir contidos descargables nos que tamén incorporan novos modos de xogo, e que terán o seu primeiro volume o 31 de xaneiro e o segundo o 14 de febreiro, de xeito que os que se fagan co xogo xa poderán ir vendo como se amplía a súa experiencia gozando así dunhas semanas as que ir descubrindo cada vez máis detalles deste prometedor xogo no que o grande reto será sobrevivir.
Tráiler de lanzamento do xogo
