Os teclados que integran pequenas pantallas nas súas teclas, contando así con interaccións máis completas e en dúas direccións, non son ningunha novidade, pero o seu prezo é un grande atranco para a súa adopción, pero dende Elgato consideraron que entre o público gamer poden ter saída, e así presenta o Stream Deck, un panel que integra 15 teclas LCD e que sairá á venda en maio a un prezo de 149,95 euros.
O Stream Deck busca que os xogadores que están a retransmitir as súas partidas a través de YouTube e Twitch teñan unha nova ferramenta para relacionarse coa súa audiencia, xa que as teclas deste panel poden lanzar ata 210 accións evitando a necesidade de memorizar atallos de teclado. Preténdese así axilizar a integración de imaxes animadas, vídeos e cortes de audio durante as emisións en directo, contando así con numerosas opcións personalizables, e podendo definirse escenarios para ter distintas accións programadas en función dos mesmos.
O panel mide 118 x 84 x 21 milímetros, pesa 190 gramos, conéctase ao ordenador a través de USB 2.0 e pode funcionar tanto en Windows 10 de 64 bits como en macOS 10.11 ou superior.
Vídeo promocional do Stream Deck de Elgato

