En 1998 Blizzard conseguiu un grande éxito con StarCraft, revolucionario xogo de estratexia en tempo real que marcou unha época e que continúa a ter éxito coas súas secuelas, e como homenaxe a esta grande creación decidiron preparar o lanzamento para o vindeiro verán de StarCraft Remastered, unha revisión do xogo orixinal con gráficos restaurados (remasterizáronse as unidades, as estruturas e os contornos e ampliáronse as resolucións de pantalla compatibles, incluíndo pantallas 4K), audio e diálogos revisados e un estilo de xogo estratéxico fiel ao orixinal. Esta nova versión tamén incluirá a expansión StarCraft: Brood War.
Esta versión restaurada do xogo de Blizzard contará con cinemáticas e interludios de misión mellorados visualmente, campaña con máis de 50 misións; conexión á rede de xogos de Blizzard,;partidas gardadas en liña, mapas personalizados, repeticións e atallos de teclado; diálogos e banda sonora orixinal, regravados e rexuvenecidos; e localización en 13 idiomas.
Este novo xogo estará dispoñible para PC e Mac, e dende Blizzard tamén adiantan que van publicar de balde en poucos días StarCraft Anthology (o StarCraft orixinal coa súa expansión), que será un xeito de volver achegarse a este xogo antes do lanzamento da súa remasterización.
Vídeo co que anuncian StarCraft Remastered
