A finais dos anos 80 un grupo de mozos aproveitaron a existencia de ferramentas para realizar aventuras gráfico-conversacionais para o ZX Spectrum para adaptar unha das máis populares aventuras de Superlópez, El Seños de los Chupetes, a un videoxogo por capítulos, dos que chegaron a completar 2 das 6 partes, pero conxelaron o proxecto ante as dificultades para conseguir os dereitos para poder publicar a obra. E agora, 28 anos despois, decidiron aproveitar o pulo que teñen certos movementos retro para recuperar o xogo incorporándolle unha nova pantalla de carga e contando cun deseño completo para unha edición física que verá finalmente a luz como unha peza de coleccionismo ou unha simple anécdota, que poderá adquirirse durante o encontro RetroSevilla 2017 o vindeiro outono.
Que en 2017 vaia saír á venda a edición física dun videoxogo de Superlópez para ZX Spectrum é sen dúbida unha curiosidade que chamará poderosamente a atención para afeccionados á obra de Jan e tamén para os que gozasen das aventuras conversacionais, xa que fai realidade o que para moitos sería un soño nos bos tempos do desenvolvemento de videoxogos en España.
Cómpre dicir que o xogo é simplemente unha produción doméstica sen ánimo de lucro e, de feito, pode descargarse de balde para poder xogarse nun vello Spectrum ou nun emulador, achegando unha duración máis que aceptable, especialmente se temos en conta que só conta a terceira parte da historia que tiñan proxectado abordar inicialmente.
Este ano verá a luz en casete un xogo de Superlópez para ZX Spectrum
Compartir Este Artigo
