A 1ª edición dos premios á divulgación científica da USC recoñecen o labor de Elena Vázquez Abal e Manuel Gago Mariño

venres, 14 de novembro do 2025 S. P.

Elena Vázquez Abal e Manuel Gago Mariño acaban de ser recoñecidos no marco da primeira edición dos premios á divulgación científica da USC. A profesora da Facultade de Matemáticas impúxose na modalidade dirixida a poñer en valor a traxectoria divulgadora, mentres que o profesor de Ciencias da Comunicación gañou na categoría que recoñece proxectos ou iniciativas que empregan de forma creativa e eficaz as novas plataformas dixitais e os formatos emerxentes para comunicar a ciencia e atraer novos públicos.
Os galardóns teñen unha dotación económica de 2.500 euros por cada modalidade e contan co apoio da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e do xornal La Voz de Galicia.
Elena Vázquez
A profesora da USC recibe este galardón “en recoñecemento á súa sólida e continuada dedicación á divulgación científica no ámbito das matemáticas”. A traxectoria da profesora Vázquez Abal destaca, tal e como destacou o xurado do premio, “polo seu rigor e calidade na comunicación científica, conseguindo achegar conceptos complexos da xeometría diferencial e outras áreas matemáticas á sociedade de forma clara, accesible e inspiradora”. O seu labor divulgador abrangue múltiples formatos e espazos, desde ciclos de conferencias en bares ata concursos audiovisuais, proxectos educativos e participación activa en iniciativas de comunicación científica financiadas por entidades como a FECYT.
O xurado valorou especialmente o impacto social e educativo das súas actividades, que fomentan o interese pola ciencia entre a mocidade e contribúen á alfabetización científica en contextos formais e informais. A súa implicación en proxectos como o Consultorio VideoMatemático ou MatHex exemplifica a súa capacidade para conectar coa cidadanía e promover o pensamento crítico a través do xogo, a estratexia e a creatividade. Así mesmo, recoñécese a súa influencia positiva na percepción pública da ciencia, especialmente no ámbito da igualdade de xénero e da defensa da diversidade, facendo visible o papel das mulleres na divulgación científica e reivindicando o uso da lingua galega como vehículo de coñecemento. Finalmente, o xurado destacou a súa contribución á formación de novas xeracións de educadores científicos, tanto no ámbito universitario como na educación secundaria, mediante actividades de mentoría, obradoiros e iniciativas de capacitación matemática.
Medios dixitais e narrativas contemporáneas
O xurado tamén acordou conceder o premio na modalidade de divulgación para novas audiencias a Manuel Gago Mariño polo “carácter innovador, transversal e transformador da súa actividade divulgadora, orientada a conectar a cultura e a historia galega con públicos diversos a través dos medios dixitais e as narrativas contemporáneas”. Este premio é “un recoñecemento ao seu destacado uso innovador das ferramentas dixitais e á súa capacidade para conectar con públicos novos alleos ás canles académicas tradicionais”, explicou o xurado, que valorou tamén “o espírito pioneiro co que o profesor Gago desenvolve a súa actividade en cada plataforma, nomeadamente nas redes sociais Facebook, X e Instagram, pero tamén na produción de contido en formato podcast e audiovisual, ou o escrito e interactivo empregando narrativas transmedia, como o relacionado co seu histórico blog Capítulo Cero, referente da divulgación cultural e arqueolóxica galega”. Tamén sobresaen iniciativas como o videoxogo Xogos populares de Galicia, que combina o ocio co coñecemento do patrimonio inmaterial, ou os proxectos de realidade virtual inmersiva comisariados por el, que ofrecen experiencias innovadoras e inclusivas para o achegamento á historia.
O xurado engade que “a súa comunicación destaca pola inclusión dun deseño visual atractivo, interdisciplinario e accesible que fomenta a participación cidadá e a implicación de públicos amplos e diversos, superando barreiras de especialización e acadando un impacto notable non só na comunidade académica, senón tamén na sociedade galega en xeral”.
O xurado subliñou o impacto medible ao seu labor xerou na visibilidade e no compromiso coa ciencia e co patrimonio cultural galego, “evidenciado pola súa capacidade para fomentar o interese e a alfabetización cultural e científica entre novos públicos, no emprego de medios innovadores e pola súa participación en múltiples proxectos de difusión con amplo alcance social”. Por estas razóns, considerouse a Manuel Gago Mariño “merecedor do premio na modalidade de divulgación para novas audiencias, pois o seu traballo integra de maneira exemplar o uso creativo das novas plataformas dixitais, o enfoque inclusivo e interdisciplinario, así como o compromiso efectivo coa visibilización e divulgación da cultura e ciencia galegas”.