A 2ª edición do FIEC ilustrou os distintos camiños para levar os museos á Rede

xoves, 8 de novembro do 2012 Redacción

O II Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) celebrou hoxe a súa segunda xornada, e na sesión da mañá contouse coa presenza da conservadora de Novas Tecnoloxías e responsable de Internet do Israel Museum, Susan Hazan, e o conservador de Contidos Dixitais e responsable do e-Museo dos Museos Científicos Coruñeses, Francisco Doménech, que amosaron 2 visións contrapostas do uso da Rede que pode facerse dende os museos, de xeito que o caso israelí entraría no ámbito da virtualización do espazo físico, mentres que dende A Coruña optaron por desenvolver espazos en liña para a divulgación das súas exposicións.
Susan Hazan amosou a presenza que o Israel Museum de Xerusalén ten na Internet, destacando a súa colaboración no Google Art Project, de xeito que dende a web pódese acceder a boa parte do seu patrimonio artístico dixitalizado, o que permite, entre outras cousas, contemplar con grande detalle os Manuscritos do Mar Morto (que ao publicarse na rede conseguiron superar o millón de visitas case de vez). Aproveitando a tecnoloxía de Google Street View tamén é posible percorrer os 81.000 metros cadrados das instalacións do Israel Museum, achegando unha experiencia bastante fiel á que suporía unha visita real, pero sen ter que desprazarse ata Xerusalén. Precisamente o feito de poder visitar virtualmente o Museo suscitou certas cuestións sobre se este tipo de iniciativas prexudican á afluencia de visitantes, asegurando Hazan que é todo o contrario, e que a actividade na Rede supón unha importante promoción.
A conservadora de Novas Tecnoloxías do Israel Museum tamén quixo destacar a importancia que están a tomar os smartphones e os tablets, que para moitos usos están a substituír aos ordenadores, e precisamente por iso recomenda que na web se adopten deseño que se axusten automaticamente a distintos tipos de pantallas, coidando tamén a accesibilidade, facendo cada vez máis doado que poidamos ter acceso á cultura dende a palma da man.

JPEG - 40.9 KB
Francisco Doménech explicou a vía percorrida polos Museos Científicos Coruñeses para ter visibilidade na Rede

O relatorio de Francisco Doménech, pola súa banda, foi bastante diferente, intentando responder á cuestión de como debe ser a páxina web dun museo, explicando como decidiron atender a tal incógnita dende os Museos Científicos Coruñeses. Así naceron varios espazos en liña a xeito de exposicións interactivas en liña como a de O asombro de Mr. Darwin e Eureka!, desenvolvidas en colaboración con empresas galegas, e que poderiamos considerar o xermolo do novo e-Museo, un interesante almacén de recursos científicos dixitais, facilitando o acceso a monografías, guías electrónicas, exposicións, audios, vídeos e outros elementos que achéganse cunha aparencia visual atractiva e con posibilidades que respectan o espírito dos Museos Científicos Coruñeses.
Concluíndo, ambos relatores coincidiron en que a proxección dos museos na Internet só ten vantaxes, podendo abordarse tal misión por distintos camiños, buscando sempre a maior divulgación da cultura.

JPEG - 48.9 KB
Susan Hazan destacou a importancia de levar os museos aos dispositivos móbiles

PUBLICIDADE