A 21ª edición de Galiciencia entrega os seus galardóns
venres, 15 de maio do 2026
A 21ª edición da feira científico-tecnolóxica Galiciencia, organizada pola Tecnópole co foco posto na ciberseguridade, clausurouse na mañá deste venres 15 de maio coa entrega de premios. Participou no acto a directora de Innovación do IGAPE, Rosa Méndez; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa; xunto ao director xerente de Tecnópole, Javier Taibo. O primeiro premio foi para unha escuma de orixe natural para protexer a vexetación fronte aos incendios forestais. O segundo para o equipo que desenvolveu un herbicida ecolóxico para a agricultura a partir de extractos obtidos de eucalipto e piñeiro. Os terceiros deseñaron unha aplicación destinada a fomentar hábitos sostibles na poboación para reducir o impacto ambiental.
O primeiro premio
Daniela García e Eila Lago, alumnas do Colexio Salesiano María Auxiliadora de Vigo, recibiron o primeiro premio desta edición. Presentaron unha espuma ignífuga vexetal biodegradable para protexer a vexetación fronte aos incendios forestais. Está elaborada con plantas como o aloe vera e outras substancias naturais capaces de xerar e estabilizar a espuma, que, segundo os seus resultados, pode manterse adherida á vexetación durante varias horas.
O proxecto foi rexistrado para protexer a súa autoría e podería dar lugar no futuro ao desenvolvemento dunha patente. O premio, dotado con 1.000 euros, serviralles para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo premio
O segundo equipo clasificado foi o formado por Héctor Abal e Andrés Fentanes, do IES Ponte Caldelas, que desenvolveron un herbicida natural. “Buscabamos unha alternativa máis ecolóxica aos herbicidas químicos como o glifosato, polo que estudamos a alelopatía, un fenómeno polo que certas plantas liberan compostos capaces de inhibir o crecemento doutras especies, o que resulta de interese para a procura de alternativas naturais para o control de malezas na agricultura” -sinalan-.
.
Así, avaliaron o potencial inhibitorio de extractos de varias especies e chegaron á conclusión de que “o piñeiro e o eucalipto evitan que medre a maleza, cunha eficiencia que se pode comparar á dos herbicidas comerciais, pero con menor toxicidade para o medio ambiente”. Este segundo premio, de 500 €, permitiralles participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que se celebra en Bilbao.
Terceiro premio
O terceiro premio foi para o proxecto de Iker Solveira e Candela Blanco, do Colexio Miraflores do Pereiro de Aguiar, por unha aplicación que fomenta hábitos sostibles entre a poboación co fin de reducir o impacto ambiental. Segundo os creadores, esta ferramenta motiva ás persoas a reciclar, usar transportes respectuosos co medio mediante unha serie de retos e recompensas.
“Se as persoas reciben unha información clara sobre o impacto das súas accións e teñen unha gratificación, hai máis probabilidade de que adopten rutinas ecolóxicas no seu día a día” -aseguran os rapaces-.
Máis innovador: un sistema de alerta e vixilancia intravenosa
O proxecto máis innovador foi o de Camila Fernández e Rodrigo Riveiro, de Aulas Tecnópole de San Cibrao das Viñas. Crearon SAVI, un Sistema de Alerta e Vixilancia Intravenosa.
Trátase dun brazalete que protexe e controla as vías intravenosas, detecta movementos de risco e avisa en tempo real se se interrompe o fluxo. Os seus creadores sinalan que é cómodo e non invasivo.
Proxecto feminino: da ciencia ao cine
O premio para o mellor proxecto liderado por unha nena foi o de Vega Vidal e Kirstten Cabrera, do IES Ponte Caldelas. Crearon un blog científico que usa escenas de películas e experimentos simples para explicar a física e espertar o interese por esta ciencia. Analizaron escenas coñecidas polo gran público para comprobar se o que ocorre nelas respecta as leis da física.
“O proxecto demostra que a física non é só un conxunto de fórmulas, senón unha ferramenta para analizar e comprender a realidade. Ademais, fomenta o pensamento crítico fronte á desinformación e amosa como o método científico axuda a diferenciar entre a realidade e a ficción” -destacaron-.
Método científico: unha boia que controla a calidade da auga en acuicultura
O proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi o de Nair González e Leire González, do campamento T2W de Tecnópole (San Cibrao das Viñas).
Desenvolveron unha boia para controlar a calidade da auga na acuicultura. Para iso emprega sensores e mexillóns como bioindicadores para detectar a contaminación de forma temperá.
Mellor comunicación: xogamos realmente seguros?
Martina Collazo, do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo, realizou un estudo sobre o phishing en videoxogos e a vulnerabilidade da rapazada ante mensaxes enganosas en chats de xogos.
Ante a realidade de que moitos menores xogan en liña e están expostos a enganos, comprobaron que os nenos e nenas non son capaces de detectar as fraudes, sobre todo nos casos nos que a mensaxe lles ofrece recompensas ou parece amigable. Ante estes resultados, manifestan que “cómpre reforzar a educación en ciberseguridade”.
Mellor proxecto sobre ciberseguridade: unha aplicación que protexe os arquivos fronte a ciberataques
O mellor proxecto vencellado coa ciberseguridade foi o de Nicolás García e Xián Couto, do IES Castelao de Vigo. Crearon unha ferramenta de cifrado de arquivos para protexer a información ante ciberataques. Salientan que se trata dunha aplicación “moi robusta, accesible para todo o mundo e en todas partes. Non se precisa que o usuario teña coñecementos técnicos para garantir a súa seguridade”.
Aseguran que é moi doada de manexar e grande utilidade para cifrar calquera tipo de arquivo.
Máis popular: unha caixa intelixente para protexer os restos arqueolóxicos
O premio do público foi para Elián Martínez e Pablo Pita, do IES de Ortigueira. Deseñaron e construíron unha caixa intelixente para transportar, en condicións óptimas de temperatura e humidade, os restos que aparecen nos xacementos arqueolóxicos, co fin de facilitar e protexer o traballo dos arqueólogos.
“O noso sistema permite controlar en todo momento estas dúas magnitudes. Ademais, posibilita obter as coordenadas da caixa para proceder ao seu almacenamento en museos” -apuntan-.
Premio especial para un alumno de Barcelona que demostra que a sensibilidade poética non depende da formación académica
O xurado desta edición decidiu outorgar un premio especial a Darío de las Heras, do Institut Vilanova del Vallès (Barcelona). Estudou a obra poética de Tomás de las Heras, o seu avó, “un poeta analfabeto”, para demostrar que a sensibilidade artística permite xerar estruturas literarias complexas sen formación académica previa.
O premiado quixo desafiar a idea de que a calidade poética depende exclusivamente da formación. Así, quere deixar patente que “unha persoa analfabeta pode empregar recursos literarios complexos de maneira intuitiva, como resultado da súa sensibilidade artística, a súa contorna cultural e a súa experiencia vital”.
