A 25ª edición de Xuventude Galicia Net Intermax celebrarase en outubro

venres, 13 de xuño do 2025 S. P.

Formación, intercambio de experiencias e lecer volverán ser os eixos da 25ª edición de Xuventude Galicia Net Intermax (XGN), que conta co apoio da Xunta de Galicia (impulsora da party), e dende o ano pasado con Intermax Technology como patrocinador oficial.
A Feira Internacional de Galicia ABANCA, situada en Silleda (Pontevedra), volverá acoller a profesionais e persoas seareiras da informática e das novas tecnoloxías do 10 ao 12 de outubro. Será nesta edición do 2025 da maior lanparty galega, a XGN Intermax.
Indo ao evento, sinalar que contará de novo coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, as cales se situarán nos dous pavillóns principais do recinto, con 10.000 metros cadrados cada un deles. En canto á primeira, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
Cómpre subliñar que grazas a Intermax Technology, compañía tecnolóxica galega, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se acadaba antes da implicación de Intermax Technología nestas xornadas.
A organización xa está a deseñar a cita, que continúa tendo como obxectivo converterse na segunda lanparty a nivel nacional. A XGN Intermax contará de novo cun programa de actividades moi variado tanto para os inscritos como para os visitantes que acudan á Extranet, o cal busca tanto a aprendizaxe como o lecer. Novidades e propostas xa habituais que contan con gran éxito todos os anos uniranse nunha programación que incluirá competicións, obradoiros, conferencias, actividades de realidade virtual e tamén os xogos máis diversos.