A 28ª edición da LaconNetwork terá lugar en Santiago de Compostela a semana que vén

venres, 18 de maio do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 85.1 KB
Juan Santesmases abrirá a vindeira edición da LaconNetwork cun relatorio

O encontro gastronómico mensual dos albaneis da nube, emprendedores e outros profesionais do sector tecnolóxico galego coñecido como LaconNetwork vai trasladarse o vindeiro venres 25 ao Hotel Los Abetos de Santiago de Compostela, comezando o evento ás 13:00 horas no salón de actos das instalacións compostelás cun relatorio de Juan Santesmases Blanco, conselleiro delegado de Zitralia, quen compartirá a súa experiencia profesional cos asistentes e explicará o seu caso de éxito e as que considera que son as chaves e os plans de futuro inmediato do sector.
Zitralia é unha compañía especializada no desenvolvemento de seguridade avanzada en contornos distribuídos e sistemas de acceso remoto, que ofrece unha solución innovadora para o posto de traballo, fusionando os conceptos de portable personality e cloud computing que valeulle o recoñecemento de The Red Herring como unha das 100 empresas máis innovadoras, únicas e prometedoras de 2012 en Europa (o que só conseguiron 15 compañías españolas).

JPEG - 128.1 KB
O Hotel Los Abetos acollerá o evento deste mes

Para contribuír á dinamización do evento, coincidirá coa xunta de socios do Cluster TIC, o que converterá ao encontro nunha excelente oportunidade para pasar unha xornada agradable entre emprendedores, empresarios e expertos do sector TIC da nosa comunidade autónoma.
Os interesados en asistir á LaconNetwork deberán aboar a través de Paypal 21 euros en concepto do xantar (para o que está dispoñible o correspondente formulario de inscrición vía web) que se servirá, e que consistirá en empanada, croquetas de marisco, tostas, bastonciños de lura, canapés, brochetas, tartaletas, bebidas, café e chupitos. Aparte da inscrición oficial (que debe realizarse antes do día 24) recoméndase indicar a asistencia a través do evento de Facebook deste encontro.

JPEG - 65.5 KB
Xardín do Hotel Los Abetos

PUBLICIDADE