A 3ª colección do podcast Aquí Faltan Páxinas iníciase cunha homenaxe as alfombreiras
venres, 5 de setembro do 2025
O presidente da Deputación, Luis López, inaugurou este xoves 4 de setembro a terceira colección do faladoiro Aquí Faltan Páxinas, un programa de podcast impulsado polo organismo provincial para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas, cun primeiro episodio que xirou arredor da confección de alfombras florais, manifestación cultural secular e propia de moitos concellos da provincia que permanece viva grazas ás mulleres. A cita foi no Pazo de Petán, en Redondela, no que tamén participou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos.
Como dixemos, as protagonistas deste primeiro encontro do novo curso do programa impulsado desde a área de Igualdade da Deputación foron alfombreiras de concellos onde a creación de composicións florais é moito máis ca unha tradición. En representación de Ponteareas, onde a festividade do Corpus vén de ser recoñecida no ano 2024 como Ben de Interese Cultural (BIC) participou María Carrera; representando a Bueu, estivo Loli do Campo; a representante de Gondomar foi Tere Pereira e exercendo de anfitrioas e representantes de Redondela estiveron Susana Ricón e Mayka Cabaleiro. Un diálogo moderado por Marián Fernández que xirou arredor confección das alfombras de flores e do papel das alfombreiras como transmisoras dos códigos simbólicos desta tradición, depositarias da sabedoría popular herdada xeración tras xeración e facedoras dun traballo comunitario e interxeracional.
“Iniciamos a terceira tempada do Aquí Faltan Páxinas, un formato actual —un podcast— para coñecer a historia desas mulleres pioneiras, referentes e extraordinarias que non saen nos libros de historia; damos un novo paso adiante no camiño cara esa meta conxunta, que é a igualdade; e salientamos o transcendental labor que, ao longo de incontables décadas, levan realizando veciñas anónimas dos nosos concellos para construír obras de arte que hoxe son patrimonio, tradición e marca Rías Baixas. Refírome, como xa imaxinades, ás alfombreiras da provincia”, contextualizou o presidente Luis López para abrir o acto.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas terá continuidade con máis faladoiros. As accións incluirán a historia das cantareiras de Gargamala, a modista Juana de la Cruz “Juaniña”, as nais contra a droga, a primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, ademais das mulleres do mundo do viño, a soprano de zarzuela Matilde Vázquez, a fotógrafa e xornalista Corona González, a bióloga Marisol Soengas, a arquitecta Rita Fernández Queimadelos, a cineasta Cruz Risco e as primeiras policías locais, Marian Ledo e Begoña Villar.
Facendo un algo de balance, o presidente provincial sinalou que ao longo destes dous anos de goberno o organismo provincial mobilizou máis de 4 millóns de euros para poñer en marcha un amplo abano de iniciativas que inclúen un novo impulso a proxectos existentes como Aquí Faltan Páxinas ou “ulleres que Opinan, entre outros moitos recursos.
A charla ofreceuse á comunidade internauta dende o sitio web da Deputación.
