A 3ª edición do programa estatal Xeración Dixital Pemes achegará formación a 4.500 persoas

xoves, 13 de febreiro do 2025 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, destacou o impulso do Goberno á dixitalización das empresas galegas, con máis de 16 millóns de euros para formación do persoal directivo e das persoas empregadas. Fíxoo na presentación da terceira edición do programa Xeración Dixital Pemes, financiado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno, xunto ao presidente de EF Business School e CESUGA, Venancio Salcines, e o director xeral do aragonés Grupo San Valero, César Romero, que imparten xuntos esta formación, e á que tamén asistiu a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
No acto, o delegado explicou que estas empresas prevén formar as 4.500 persoas ata xuño de 2026. En Galicia son seis as entidades beneficiarias (CESUGA, EF Business School, Estudos Rafer, Business Jump e Academia Postal 3) que, como novidade nesta edición, van impartir formación “en liña” en todo o territorio nacional.
Pedro Branco aproveitou para recoñecer o traballo que desenvolven estas empresas “chave para mellorar a produtividade do tecido empresarial galego e as súas posibilidades de crecemento e internacionalización”.
Nesta liña, destacou a “aposta decidida” do Goberno por impulsar a formación e a transformación dixital das empresas da man do Plan de Recuperación, “do que as empresas son as principais protagonistas, como demostra o feito de que oito de cada dez euros dos máis de 3.700 millóns de euros asignados a Galicia van parar a autónomos, pemes e grandes empresas”.
Engadiu que “as empresas saben que teñen no Goberno ao seu mellor aliado para medrar e avanzar nesa transformación cara un modelo máis dixital e sustentábel”, indicou o delegado, que puxo tamén en valor iniciativas como o Kit Dixital, que do mesmo xeito que o programa Xeración Dixital Pemes forma parte da estratexia España Dixital 2026, e que deixa en Galicia máis de 35.200 axudas, cun investimento que supera os 145 millóns de euros.