A 3DS terá un novo Puzzle Bobble en abril

mércores, 16 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Square Enix anunciou hoxe que o xogo Puzzle Bobble Universe para Nintendo 3DS chegará a Europa o vindeiro 22 de abril, de xeito que será un dos primeiros títulos en pórse á venda despois do lanzamento da nova consola portátil de Nintendo.
Este novo xogo recupera aos irmáns Bub e Bob nunha aventura na que os dinosauros que se fixeron tan populares nas máquinas recreativas e nas súas constantes adaptacións a distintas plataformas deberán protexer varios planetas da ameaza que supoñen unhas burbullas que se converten en perigosos escombros espaciais.
O xogo contará con novos efectos visuais que asombrarán ao usuario, que contará con 2 modos de xogo: puzzle (recorrendo 8 mundos con 10+1 fases cada un) e desafío (elixindo entre numerosos retos contra reloxo ou un modo de xogo sen fin).
Aínda que non vaia ser o título que mellor vaia aproveitar as posibilidades 3D da nova portátil, parece claro que a sona da súa franquía e a diversión garantida da súa mecánica vai facer que non pase desapercibido dentro do catálogo de xogos para a 3DS que teremos de aquí ao verán.


Trailer do novo Puzzle Bobble para 3DS

Puzzle Bobble Universe será exclusivo para Nintendo 3DS

PUBLICIDADE