A 4ª Liga Maker Drone achega á rapazada o reto de transportar medicinas cun vehículo aéreo
mércores, 30 de outubro do 2024
Os 180 alumnos de segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) seleccionados en toda Galicia para participar na IV Liga Maker Drone, coñeceron esta mañá o reto que deberán resolver e que foi exposto polos promotores desta iniciativa, Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG: o desenvolvemento dunha solución dron que permita o transporte inmediato de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso.
Para o deseño da solución, os colexios participantes terán en conta que o vehículo aéreo non tripulado deberá poder entregar diferentes tipos de medicinas a centros médicos (simulados) situados en distintas localizacións. É dicir, cada punto de entrega recibirá o tipo de medicina concreta que necesita e, para iso, o dron, que simulou partir desde un hospital, deberá depositar a medicina idónea en cada centro médico.
Trátase de dar solución a unha situación que en palabras da organización do certame “axiña veremos na vida real”: a loxística sanitaria mediante drons. Ademais, esta edición, a IV Liga Maker Drone introduce dúas novidades técnicas para os participantes: por unha banda, o escenario no que se situarán os puntos de entrega estará nun plano inclinado, o que requirirá dunha maior pericia por parte dos pilotos do dron, e, doutra banda, haberá un incentivo para voar máis alto, xa que as “medicinas” depositadas correctamente na parte superior outorgarán máis puntos.
A directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, e o responsable de I+D da división de drons de ITG, Jorge Seoane, inauguraron a xornada na que se revelou o reto tecnolóxico ao que os escolares enfrontaranse este curso e que porá a proba a súa creatividade, enxeño e capacidade para traballar en equipo. Os sistemas dron deseñados para resolver o reto presentaranse nunha xornada final de exhibición, que está prevista para o vindeiro mes de maio.
Durante a xornada, que tivo lugar no Galaxy Lab de ITG, o seu centro de experimentación avanzada en Intelixencia Artificial, o alumnado mergullouse no mundo da enxeñería e as carreiras STEM, a través dunha demostración de DroneFinder, o sistema de procura e localización de desaparecidos desenvolvido por ITG e talleres prácticos de robótica, programación, circuítos electrónicos, realidade virtual e pilotaxe de drons.
A formación tecnolóxica da Maker Drone estrutúrase en tres módulos: unha sesión de introdución á pilotaxe de vehículos aéreos non triputados, con formación teórico-práctica sobre a seguridade, o uso, montaxe e mantemento de drons; tres sesións de formación sobre materiais e a súa fabricación, mecatrónica e sistemas avanzados; e tres sesións de adestramento en voo. Ademais, os equipos contarán con dous kits dron, o soporte técnico e os recursos necesarios para desenvolver a solución ao reto exposto.
Xornada final
En maio de 2025 celebrarase a Xornada de Exhibición, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo, que serán avaliadas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
-Mellor deseño: valorarase a optimización do deseño, en base aos requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
-Solución máis disruptiva: valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
-Destreza en voo: valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
-Mellor presentación: valorarase a expresión oral, claridade e creatividade na exposición da solución ao reto.
Tanto nas roldas eliminatorias como na gran final, gañará o equipo que logre depositar o maior número de medicinas no tempo límite marcado pola organización. Estes puntos de entrega simularanse en tres escenarios idénticos cunha altura de dez metros de altura. O equipo que se proclame gañador da liga Maker Drone obterá un trofeo e cada un dos seus integrantes recibirá unha medalla e un kit dron, mentres que os equipos gañadores das distintas categorías recibirán unha medalla e un kit de programación.
18 centros das catro provincias
Os 18 centros que están a participar están distribuídos nas catro provincias galegas. Da provincia da Coruña van participar oito centros: CPR Liceo A Paz, da Coruña; CPR Plurilingue San Xosé de Cluny, de Santiago de Compostela; IES Fin do Camiño, de Fisterra; IES Eduardo Blanco Amor, de Culleredo; CPR Plurilingüe Peñarredonda, da Coruña; CPR Obradoiro, da Coruña; CPR Nosa Sra. do Carmen, de Betanzos e CPR Plurilingüe Compañía de María, da Coruña.
Os centros que participan da provincia de Lugo son tres: IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos, e IES Ánxel Fole, de Lugo. De Ourense, pola súa banda, repite participación o CPR Santa María, Maristas e incorpórase o CPR Santo Anxo. Por último, da provincia de Pontevedra participan cinco centros: CPR As Acacias; CPR Plurilingüe Montecastelo; e IES Carlos Casares, de Vigo; IES Manuel García Barros, da Estrada; e CPR Eduardo Pondal, de Cangas.
Dos 18 centros educativos seleccionados (sete públicos, un privado e 10 concertados), 16 repiten respecto a outras edicións e catro deles participaron en todas as edicións da competición. O 61% están situados en contornas urbanas, mentres que o 39% sitúanse no rural.