A 4ª edición de Interdixitais fomenta un rol activo das persoas maiores no uso das TIC
xoves, 24 de abril do 2025
Mellorar as competencias dixitais e o incremento da participación social e activa das persoas maiores é o eixo sobre o que se asenta Interdixitais’25, unha actividade de innovación docente en Aprendizaxe-Servizo (ApS) na que colabora a Cátedra Cruz Roja USC para a mellora da calidade de vida deste colectivo. O proxecto que está enfocado no desenvolvemento de competencias TIC e a a través de relacións interxeracionais nas áreas de ciencias da Educación, do Comportamento e da Saúde, chega xa á súa cuarta edición.
O equipo de traballo está integrado polos docentes Lucía Pérez Blanco, Fátima Fernández Feijoo, María Julia Diz López, David Facal Mayo, Manuel Gandoy Crego, Sonia Valladares Rodríguez, Carmen Gutiérrez Moar e Arturo X. Pereiro Rozas. Esta actividade pretende previr o idadismo e promover unha perspectiva do ciclo vital que favoreza a adquisición de coñecemento sobre os cambios asociados ao proceso de envellecemento. Finalmente, este proxecto ApS busca enriquecer o tecido social comunitario mediante o intercambio entre organizacións cívicas con diferentes perfís asistenciais.
O proxecto estase a desenvolver en varias fases, realizándose obradoiros interxeracionais presenciais que botaron a andar o 17 de marzo e que culminarán o 28 de abril no Centro Sociocultural de Lavacolla. “Estes obradoiros para o fomento da autonomía dixital están dinamizados e liderados por alumnado dos graos de Pedagoxía, Enfermaría, Psicoloxía e Robótica baixo a supervisión do profesorado, e no que participan persoas maiores que previamente teñen participado en actividades organizadas por AGADEA”, sinalan. Agárdase que a actividade favoreza no alumnado a adquisición de competencias relacionadas co traballo con persoas maiores e a sensibilización sobre as súas necesidades.
Ademais de AGADEA, o proxecto Interdixitais’25 xorde da necesidade de mellorar a capacitación dixital e a participación social das persoas maiores detectada por entidades como ASDEGAL e Cruz Vermella. Estas organizacións identificaron que, a pesar dos avances tecnolóxicos, moitas persoas maiores carecen das habilidades dixitais necesarias para manterse activas e participar plenamente na sociedade. Ademais, os novos perfís de envellecemento, con maior nivel educativo e diversidade profesional, requiren intervencións máis específicas e diversas. Na súa 4ª edición, a Cátedra Cruz Vermella USC para a mellora da calidade de vida das persoas maiores asumiu o liderado nas tarefas de organización e xestión.
Interdixitais’25 contribúe tamén aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) ao garantir o acceso universal á educación e á inclusión dixital das persoas adultas maiores, promovendo a súa participación activa na sociedade e mellorando a súa calidade de vida.