A 4ª edición do certame Youtubers Científicos xa ten propostas gañadoras

luns, 27 de xaneiro do 2025 S. P.

O pasado 24 de xaneiro o xurado responsábel de seleccionar os traballos finalistas da 4ª edición do certame Youtubers Científicos pronunciábase e elixía como propostas gañadoras: Realidade virtual, aumentada e mixta e Por que a ciencia é relevante para a sociedade.
Organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo e inserido no plan anual de actividades Ciencia de ida e volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades) o concurso Youtubers Científicos na súa primeira edición abría a súa participación ao alumnado de Secundaria e Bacharelato, sendo o alumnado de 1º da ESO A do IES de Brión o gañador desta cuarta edición co seu traballo Por que ciencia é relevante para a sociedade, un vídeo moi creativo e colaborativo, no que o alumnado explica de xeito sinxelo e orixinal a relevancia do coñecemento científico para a sociedade. Pola súa banda, o investigador do grupo Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx Juan Carlos Navares fíxose co premio na modalidade para persoal investigador da UVigo cun traballo titulado Realidade virtual, aumentada e mixta, no que salienta a súa capacidade de comunicar as diferenzas entre a realidade virtual, a aumentada e a mixta, cun xeito fresco, dinámico e cun toque de humor.
Entre as preto de 20 propostas recibidas, o xurado (baseándose no contido, creatividade e calidade técnica das pezas) tivo complicada a elección dos gañadores, que superaron a outros traballos de gran nivel, como o de Laura Gómez sobre o principio de Arquímedes; ou a peza de Nicolás Limeres baseada nunha animación con figuras de Playmobil, que foron os vídeos finalistas desta 4ª edición do concurso.
Dicir que o xurado estivo formado, entre outros especialistas en comunicación e ciencia, polo youtubeiro galego Iago Gordillo e o investigador Alberto Gutiérrez, un dos gañadores da pasada edición do concurso.
Engadir que os traballos do alumnado do IES de Brión e do investigador da UVigo Juan Carlos Navares foron, tamén, os que maior número de likes do público acadaron na canle de YouTube da UCC+i, 686 no primeiro caso e 78 no segundo.
En canto aos premios, as e os autores dos vídeos gañadores do concurso recibirán un lote de produtos para a elaboración de vídeo-blogs, amais de 800 euros do premio para o PDI e 500 para o de Secundaria.
Como en edicións anteriores, previamente á convocatoria do concurso desenvolvéronse varias sesións informativas para persoal investigador da UVigo, impartidas nesta ocasión por Iago Gordillo e o divulgador científico Ricardo Moure, e nas que se abordaron aspectos como a gravación, edición e estratexias para identificar a audiencia, adaptación da mensaxe ao público ou estruturación do fío narrativo.