A 4ª liga Maker Drone abre o prazo de inscrición para os centros educativos galegos

martes, 17 de setembro do 2024 S. P.

A cuarta liga Maker Drone, organizada pola Fundación Barrié e o Centro Tecnolóxico ITG, xa ten aberto o prazo de inscrición para o estudantado galego de 2º da ESO ao que vai encamiñado.
O obxectivo desta liga é promover o interese pola tecnoloxía entre o alumnado, sendo unha competición pioneira a nivel autonómico en España que expón o reto de construír un sistema dron enfocado á solución dun problema social particular.
A liga Maker Drone nace coa vontade de: estimular o interese, creatividade e autonomía do alumnado, sendo os e as únicas responsábeis das aplicacións tecnolóxicas; concienciar ao alumnado da relevancia da tecnoloxía, achegando a súa utilización nas aulas para o seu uso na vida cotiá e contribuír na orientación profesional do alumnado, a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
Dicir que esta cuarta edición contará coa participación de 18 equipos integrados por 5-7 estudantes baixo a coordinación do seu profesor/-a ou titor/-a de Tecnoloxía. Unha competición que implica unha adicación mínima de 30 horas, distribuídas entre actividade formativa e traballo autónomo do equipo. A participación é de balde e será a organización a que achegará dous kits dron a cada equipo e os recursos precisos para o desenvolvemento da solución ao reto. A formación tecnolóxica ocupa un papel fundamental na liga Maker Drone xa que máis do 50% do programa destínase a formación, tanto a docentes como escolares, e estrutúrase nas seguintes sesións: unha formación teórico-práctica de introdución aos drons, con obradoiros de mecánica e sensores; fabricación de compoñentes por impresión 3D; e pilotaxe de drons aéreos e terrestres. Tres sesións formativas presenciais sobre electrónica, programación, soldadura, conectores; manipulación de ferramentas e materiais; e funcionamento de mecanismos. Unha formación específica presencial de tecnoloxía e robótica, así como de adestramento en voo, co fin de adestrar aos equipos a manexar os seus sistemas dron.
Dicir que o 9 de maio terá lugar a Xornada de Exhibición no Coliseum da Coruña, onde se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo. Durante as 3 primeiras edicións da liga, esta xornada se ha #ir consolidando como un evento educativo de referencia, reunindo a máis de 3000 asistentes no recinto coruñés.
En canto aos premios, o equipo gañador da liga obterá un trofeo e cada un dos seus integrantes recibirá unha medalla e un agasallo relacionado coa Tecnoloxía. Asemade, os gañadores das seguintes categorías recibirán unha medalla e un agasallo tecnolóxico: Mellor deseño/Solución máis disruptiva/Destreza en voo/Mellor presentación
Por último, as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo son avaliadas por un xurado especializado formado por representantes de empresas e institucións de renome, coordinados por: Analía López Fidalgo, directora da División de sistemas aéreos non tripulados de ITG.
Os centros interesados en participar deben presentar a súa solicitude de preinscrición a través dun dos seus docentes, quen actuará de coordinador do equipo e interlocutor coa Organización. A preinscrición realízase enchendo o formulario de solicitude, dispoñíbel na páxina web da liga Maker Drone até o 30 de setembro de 2024.