A 5ª Pont-Up Store amosará propostas para protexer trebellos tecnolóxicos e vehículos

mércores, 26 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Quen queira innovación, vaina ter en Pontevedra dende un enfoque imaxinativo, moderno e, tamén, tradicional. Porque de xuntar vangarda tecnolóxica e historia é do que trata en parte a feira Pont-Up Store, cuxa cuarta edición desenvólvese na cidade do Lérez do 21 ao 23 de setembro. Segundo puidemos saber hoxe, a feira vai polo bo camiño. De feito, xa foron escollidos os casos de emprendemento para ter presenza nela (41 dun total de 123 candidaturas achegadas). Entre estas iniciativas, a xeito de exemplos, inclúense propostas como Paus (que vende paquetes de adhesivos especiais para tapar as cámaras dos dispositivos móbiles e protexelos de ciberataques), Care your Car (unha aplicación de Degaltc que permite xestionar o mantemento do vehículo), ou a plataforma Send2Me (caixas de correo electrónicas que permiten recibir compras electrónicas aínda que o comprador non estea no domicilio).
Pont-Up Store vén da man da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) dentro do proxecto de especialización CREA S2i. O patrocinador principal é o Concello de Pontevedra.
Segundo fixo saber hoxe o director da feira, Pedro Figueroa, esta cuarta edición salientará pola calidade das propostas, tanto a nivel de innovación e orixinalidade como polo seu potencial de desenvolvemento.
Destes 41 emprendedores escollidos, 33 contarán cun emprazamento de balde, de seu, para mostraren os seus produtos, ideas e servizos, e cinco terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización, desenvolvendo propostas como unha sesión de networking empregando a intuición e o xogo para obter información útil na empresa; unha cata de cervexa artesá; un obradoiro no que aprender a arte floral dos kokedamas; unha sesión de contacontos para promover a arte e a cultura, e un achegamento en familia ao mundo do álbum ilustrado empregando as vivencias persoais. Por último, dez das propostas elixidas participarán no Puntazo Exprés, no que terán a oportunidade de explicar o seu caso en cinco minutos a cinco destacadas empresas e entidades galegas.
Amais das devanditas iniciativas teremos oportunidade de coñecer aos creadores de 7Varas (que fan bicicletas de bambú) e de Start-T-Case, que desenvolven carcasas que ademais de recargar os teléfonos móbiles aproveitando a luz solar ou a luz artificial son ao mesmo tempo fundas protectoras e poden carrexar enerxía a outros dispositivos. A organización da Pont-Up Store tamén informou que reservará parte do seu espazo a iniciativas empresariais que operan dentro da economía social, como nesta ocasión Bico de Xeado, da cooperativa Granxa O Cancelo.
No que se atinxe á orixe das propostas, Pedro Figueroa sinalou que “Pont-Up Store consolídase como o referente do novo emprendemento en Galicia cun 50% das solicitudes procedentes de fóra da provincia de Pontevedra”. Ademais, engadiu, “é relevante que preto do 35% das candidaturas procedan de fóra das sete grandes cidades galegas, o que é indicativo da boa saúde das dinámicas emprendedoras nas vilas e no rural galego”. O director do Pont-Up tamén salienta a presenza nos proxectos de novas tecnoloxías e achegas de enxeñaría, con apostas “moi valentes e innovadoras”.

PUBLICIDADE