A 5G de altas prestacións de Telefónica está presente en máis de cen concellos de Pontevedra, Lugo e A Coruña
luns, 14 de abril do 2025
Telefónica vén de facer balance da presenza da súa tecnoloxía 5G de altas prestacións (3.500 MHz) nas nosas catro provincias. Segundo fixo saber a operadora, a dita tecnoloxía está presente en 32 dos 61 municipios da provincia de Pontevedra, en 20 dos 67 de Lugo e en 52 dos 93 da Coruña. Estando pendentes de confirmar os datos de Ourense, Telefónica sinala que “estas cifras nos sitúan como líderes na despregadura desta banda, unha banda que ofrece altas velocidades e moi baixa latencia tanto a particulares como a empresas.
Volvendo a Pontevedra, a compañía lembra que puxo ao dispor dos seus clientes a cobertura 5G na banda de 700 MHz, presente xa no 90% dos municipios da provincia -un total de 55- e que mellora o servizo en interiores e alcanza unha cobertura máis ampla no exterior.
Na Coruña, a cobertura 5G na banda de 700 MHz está presente no 92% dos concellos (un total de 87). En Lugo, está presente no 94% dos concellos da provincia, un total de 63.
No conxunto de Galicia, Telefónica chega ao 93,3% da poboación con tecnoloxía 5G, proporcionando cobertura 5G de altas prestacións a 117 municipios e 5G en frecuencia de 700 MHz a 250.
A compañía explica que “esta despregadura na comunidade forma parte dun gran traballo de implantación destas tecnoloxías no conxunto do país, complementado cunha rede de fibra robusta única en España, e que en Galicia conta cunha cobertura próxima ao 90%, con máis de 1,8 millóns de fogares e empresas que xa poden gozar de FTTH”.
Presenza da 5G en España
Ao peche do pasado ano, Telefónica contaba en España con 1.500 municipios con despregadura en 3.500 MHz e en apenas tres meses xa superou o fito das 2.000 localidades ( 33%) Con este novo impulso, a operadora reforza a súa intención de “afianzar a capilaridade da rede de altas prestacións, coñecida como 5G para os clientes de Movistar e O2, para deste xeito ofrecela na práctica totalidade do territorio, desde grandes cidades ata poboacións medianas e pequenas localidades rurais, ademais das principais vías de comunicación ata poboacións medianas e pequenas localidades rurais con decenas de veciños”.
Todo iso permite a Telefónica ofrecer 5G a máis do 91% da poboación, cun crecemento progresivo desde o lanzamento desta tecnoloxía en setembro de 2020, cando a cobertura era do 78%.
Xunto coa ampliación desta despregadura 5G na rede móbil, Telefónica tamén acelerou o desenvolvemento da súa rede fixa sobre fibra FTTH (fibra até o fogar), con 30,8 millóns de unidades pasadas a peche de 2024 (1,6 millóns máis que un ano antes).
Telefónica tamén activou a 5G Stand Alone (SA) en todos os municipios que contan con 5G da operadora, xa sexa a través da banda de 700 MHz, da de 3.500 MHz ou en ambas. Así, a 5G de Telefónica está presente xa en máis de 4.000 municipios de toda España, tanto en zonas urbanas do país como en rurais.
A 5G SA potencia as capacidades da 5G ao empregala en toda a infraestrutura de rede (core e acceso radio), o que, en palabras da operadora, “implica maiores velocidades de datos, menor latencia e maior fiabilidade”. A operadora engade que “esta tecnoloxía é de especial interese para as empresas, xa que permite facilitar a implantación de funcionalidades como o Network Slicing ou o Edge Computing, que son de gran relevancia en sectores como a industria ou a loxística (portos ou transporte por estrada) e en servizos públicos como a atención ao cidadán (Smart Cities)”.
Telefónica anunciou tamén que traballa nas posibilidades empresariais da 5G SA desde hai varios anos e realizou diversos casos de uso con clientes reais. Seguindo este fío a empresa engadiu que “o pasado verán convertémonos na primeira operadora en España en lanzar un servizo de conectividade móbil con Network Slicing 5G para empresas, e instaurámolo de maneira pioneira no servizo de emerxencias do 112 de Estremadura”.
A modalidade SA de 5G atópase xa dispoñíbel tamén nun amplo catálogo de terminal de máis de 200 modelos de distintos fabricantes e todas as gamas, que se seguirá ampliando.