A ABE colabora nun proxecto europeo para universalizar as competencias tecnolóxicas

martes, 11 de xullo do 2023 S. P.

A Asociación Boirense de Empresarios foi seleccionada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (SEDIA) e a Comisión Europea para representar a España no piloto do European Digital Skills Certificate (EDSC). O EDSC é unha iniciativa da Comisión Europea que busca impulsar e recoñecer as habilidades dixitais en toda Europa.
Trátase, máis polo miúdo, “dun proxecto innovador que promoverá o desenvolvemento e a certificación das competencias dixitais no ámbito estatal”, explican dende ABE, lembrando que a súa participación neste piloto é “froito do recoñecemento ao noso compromiso e experiencia no impulso da formación e a mellora das habilidades dixitais para o ámbito empresarial”. Por certo que a participación da patronal boirense nesta iniciativa xurdiu trala incorporación da entidade ao Pacto pola Xeración D do que forma parte dende abril de 2023 e no que foi a primeira entidade empresarial de España en ser admitida.
O proxecto
Actualmente son preto de 80 axentes os que participan neste proxecto piloto que ten como obxectivo final “proporcionar un sistema de certificación en competencias dixitais a nivel europeo que permita as persoas indicar o seu nivel de destreza dixital e que sexa recoñecido en toda a Unión”. Para isto os axentes seleccionados están a participar en diferentes obradoiros e debates online coordinados pola Subdirección Xeral de Talento e Emprendemento Dixital da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial que se estenderán durante todo este ano e que derivarán nunha proposta normativa.
Na xornada inaugural na que xa participou a ABE a través do seu xerente, Tomás Estévez, tamén interviron Salvador Estevan, director xeral de Dixitalización e IA, María de Miguel, subdirectora xeral de Talento e Emprendemento Dixital e máis Koen Nomdem, xefe do equipo de Transparencia e Recoñecemento de Cualificacións e Competencias da Unión Europea.
Como explicou o xerente da ABE, “para a nosa entidade é un feito histórico que requiran a nosa colaboración nun programa da Unión Europea deste calado e que ten un obxectivo tan ambicioso como conseguir que o 80% das persoas da UE entre 16 e 74 años teñan alomenos competencias dixitais básicas antes de 2030”.